CENTROS SOCIOCULTURAIS

Conxo celebra dende este martes a XXXV edición da súa Semana Cultural

05/09/2022 O concelleiro de Centros Socioculturais, Javier Fernández, presentou a edición número 35 da Semana Cultural de Conxo, que se celebra dende este martes 6 ata o sábado 10 de setembro. Xogos, obradoiros, charlas, teatro, música e moito máis para un evento lúdico e de encontro plenamente consolidado na oferta sociocultural de Compostela.

Durante a presentación, o concelleiro Javier Fernández congratulouse de que a Semana Cultural de Conxo sexa un "evento totalmente consolidado que constitúe un éxito ano tras ano" do que desfrutan "non só os veciños do barrio de Conxo, senón toda a veciñanza de Santiago".

Este ano contará cunha "programación ampla, enmarcada dentro das propias festas do barrio de Conxo e cunha participación moi activa da veciñanza, con propostas lúdicas e culturais para todas as idades", apuntou o concelleiro, que animou a todos os composteláns e compostelás a participar nesta nova edición, na que están implicados diversos colectivos que traballan en Conxo e na cidade, ademais de veciños e veciñas do barrio.

Haberá teatro, xogos, musica e danza tradicional, cinema ao aire libre, un feixe de obradoiros diversos, a maioría pensado para as familias, e moitas propostas máis. Das mesmas deu conta Xulio Noia, técnico municipal responsable do Centro Sociocultural Aurelio Aguirre, quen subliñou que a de Conxo que esta edición será "a da volta plena á normalidade".

Programa

No calendario desta Semana Cultural terá lugar unha serie de actividades de diversa índole e para todas as idades, entre os que destacan diversos obradoiros: cultura de arte rupestre (martes), arqueoloxía dos sentidos (mércores), pintura ao aire libre (sábado) e danza urbana para a rapazada (sábado), así como unha mesa redonda dedicada a "O Castriño de Conxo e o proxecto de parque Compostela Rupestre" (martes).

A estas actividades súmanse dúas visitas guiadas, unha nocturna ao Castriño de Conxo (martes) e outra ao Museo das peregrinacións de Santiago (xoves), e a tradicional xincana ciclista que se suma a outra de temática prehistórica.

Ademáis, o Club de lectura de Conxo acollerá o mércores ás 20:00 h unha charla coa escritora Ana Cabaleiro para presentar o seu libro "Deixádenos remar", finalista do XXXVII Premio Xerais de Novela BPM José Saramago de Conxo.

Público de todas as idades poderá tamén escoller o vindeiro venres entre unha variada oferta de espectáculos: "O eco das pedras", unha peza de narración oral de Raquel Queizás, "Clásicos en tres minutos" do grupo de teatro mozo do CSC de Conxo, ou "As do peixe" do Teatro das Maniotas.

Todo isto verase complementado con espazos de xogo para a cativada, torneo de xadrez, cine ao aire libre, un scape room e mesmo unha proposta de rock infantil. Ademais, o vindeiro sábado a Carballeira de Conxo acollerá a tarde de festa con actividades variadas.

Compartir: