TURISMO

A Comisión especial da memoria histórica dá o visto bo á colocación dun memorial en Santa Isabel en lembranza dos presos reprimidos pola ditadura

18/07/2022 A Comisión especial da memoria histórica do Concello de Santiago, reunida hoxe, deulle o visto bó á colocación dun memorial na zona onde antigamente estaba o cuartel de Santa Isabel, en memoria, segundo explicou o concelleiro de Presidencia e Relacións Institucionais, Sindo Guinarte "dos presos reprimidos pola ditadura ente 1939 e 1946".

Guinarte explicou que se trata dunha proposta aprobada polo Pleno, coa que están dacordo as asociacións veciñais da zona. Ese fito ou memorial, levará un QR con información da historia do cuartel militar alí situado, e do espazo adxacente. O edificio militar de Santa Isabel foi construído a mediados do século XVIII e funcionou como cuartel ata 1925, ano en que o destacamento foi trasladado ao edificio que hoxe é o Parlamento de Galicia; aínda que se seguiu usando para fins militares. En 1936 o cuartel pasou a ser un centro de reclusión para as vítimas do golpe de Estado, e adqueriu o rango de Prisión Cenral en 1939, funcionando como tal ata 1946. Despois disto o edificio foi empregado como almacén e en estado de semi-abandono foi derrubado en 1973.

A comisión tamén acordou encargar un estudo a USC (Universidade de Santiago de Compostela, sobre os elementos vinculados á memoria histórica en Santiago. "Nese estudo esplicitaranse xa os espazos e nomes que teñen sido corrixidos no periodo democrático, aqueles nos que aínda cómpre facer algunha intervención; e propostas de novas intervencións".

A Comisión de Memoria Histórica está integrada por Sindo Guinarte, polo Grupo Socialista; José Antonio Constenla, polo PP; Marta Lois, por Compostela Aberta; e Goretti Sanmartín polo BNG; ademáis de polos historiadores Encarna Otero Cepeda, Laura Muñoz Encinar, e Antonio Míguez Macho.

Compartir: