CENTROS SOCIOCULTURAIS

A rede de Centros Socioculturais acolle un ciclo de teatro amador para todos os públicos

08/06/2022 O concelleiro de Centros Socioculturais, Javier Fernández, acompañado por Chelo Pampillón e Ana Rodríguez, presidenta e vicepresidenta de FEGATEA, e Sandra Quintana, coordinadora do programa, presentou esta mañá o ciclo de teatro amador "Fega Teatro" que arrancará o vindeiro 10 de xuño no Centro Sociocultural de Lavacolla.

O próximo 10 de xuño, no Centro Sociocultural de Lavacolla, dará comezo o FegaTeatro, que rematará o 10 de decembro no Centro Sociocultural de Santa Marta. Ao longo destes meses levaranse a cabo dez funcións para todos os públicos.

A primeira obra que se representará, a cargo da compañía "A Tequerreté Teatro", é "Confinad@s". A cita é o venres, 10 de xuño, ás 18:30 h. no CSC de Lavacolla. E o venres, día 17, tamén ás 18:30 h no CSC de Figueiras, "Teatro Paso de Valverde" presenta "Ultrasónica".

O "FegaTeatro" xurde como unha aposta cultural por achegar o teatro amador a toda a veciñanza a través da rede de CSC de Santiago, mesmo a aqueles centros que non contan cunha dotación técnica ampla. O obxectivo deste ciclo é ampliar a oferta cultural, e contribuír á creación de novos públicos, chegando a espazos tanto do urbano como do rural que non teñen una programación teatral estable.

Esta iniciativa foi desenvolvida polos departamentos de Acción Cultural e Centros Socioculturais do Concello de Santiago en colaboración coa FEGATEA, a Federación Galega de Teatro Afeccionado, co propósito de achegar o teatro afeccionado a toda a veciñanza.

O teatro amador, tamén chamado teatro afeccionado, é o teatro realizado de xeito non profesional por persoas que non perseguen con esta actividade un interese económico, senón beneficios diversos vinculados co lecer, a socialización, a participación cultural, o desenvolvemento artístico ou a saúde.

Documentos relacionados



Compartir: