TURISMO

Case 200 establecementos inscritos na campaña de dinamización de Compostela Diversa

30/05/2022 Máis de 80 comercios, outros tantos bares e restaurantes e 35 hoteis sumáronse a esta acción prevista para a celebración do Orgullo LGTBI para a que se lles entregará distinto material coma mandilóns ou manteis.

Entre o 13 de xuño e o 3 de xullo, o Concello de Santiago lanza, un ano máis, a iniciativa Compostela Diversa, co obxectivo de facer de Santiago un referente para as persoas LGTBI. Esta acción promovida dende a Concellería de Igualdade, conta coa colaboración de Turismo de Santiago, o departamento de Comercio e o apoio da Deputación da Coruña.

Entre as distintas actividades que se van desenvolver eses días, Turismo de Santiago e o departamento de Comercio propuxeron, de novo, aos locais de hostalería e hotelería e as tendas da capital galega vestirse coas cores de Compostela Diversa, a través de distintos elementos coma mandís, carteis, postais, pousavasos e manteis.

Así, tralo período de inscripción que rematou o pasado venres, apuntáronse 81 comercios, 35 hoteis e 80 bares e restaurantes que, nos vindeiros días, recibirán o material co que lucirán os seus establecementos ao longo da campaña.

O obxectivo é, dunha banda, o de amosar que Santiago é historicamente unha cidade de acollida para todos e todas, máis aló da procedencia, das crenzas relixiosas ou da orientación sexual.

Ademais, é importante salientar a evolución de Santiago como destino turístico, sendo cada vez máis amplo e diverso. Neste sentido, Compostela Diversa é un programa excelente para dirixirnos a turistas do colectivo LGTBI, destacando o carácter respectuoso e acolledor da nosa cidade.

Nos vindeiros días daráse a coñecer o programa completo desta iniciativa, que incluirá encontros e debates, música e intervención no espazo urbano.

Compartir: