PERSOAL

Acordo entre o Goberno e todas as organización sindicais para estabilizar 92 prazas

25/05/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asinou esta mañá con representantes de todas as organizacións sindicais con presenza no Concello (CIG, UGT, CC.OO, CSIF, CUT, SPPME) o acordo sobre os criterios e as prazas afectadas polo proceso de estabilización do emprego público, en aplicación da Lei 20/2021. Inclúense no acordo un total de 92 prazas.

Trátase, segundo sinalou a concelleira de Economía, Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local, Marta Abal, tamén presente na sinatura, dun "acordo histórico nunha dobre vertente", xa que "conseguimos que todas as organización sindicais con representación no Concello estivesen presentes", pero, "sobre todo, porque se acadará o obxectivo principal do goberno de redución da temporalidade do emprego no Concello de Santiago de Compostela". A edila fixo fincapé no beneficio que isto suporá tanto para os traballadores como para "a calidade dos servizos públicos que se prestan á cidadanía".

O rexedor compostelán agradeceu ás centrais sindicais no acto de sinatura o traballo e o esforzo realizado para chegar a este acordo e na defensa dos intereses dos traballadores e traballadoras do Concello.

Este acordo coas organizacións sindicais do Concello, que recolle un total de 92 prazas, fixa os principios e criterios básicos aplicables ao proceso de estabilización do emprego temporal a desenvolver no Concello de Santiago de Compostela. Este artellarase a través dunha única Oferta de Emprego Público, a publicar antes do 1 de xuño de 2022 e que terá que ser aprobada en Xunta de Goberno, e da convocatoria dos procesos selectivos correspondentes, con arranxo ás previsións e límites fixados na Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público.

Neste proceso de estabilización inclúense as prazas de funcións estruturais cubertas con persoal funcionario interino ou laboral temporal con data anterior a 1 de xaneiro de 2021, sempre e cando as persoas que as ocupen neste momento reúnan os seguintes requisitos: que a data 01/01/2016 tivesen cinco anos como persoal funcionario interino ou laboral temporal (concurso), ou que a data 31/12/2020 tivesen tres anos como persoal funcionario interino ou laboral temporal (concurso-oposición); así como as prazas ocupadas por persoas declaradas como persoal indefinido non fixo por sentenza xudicial a data 31 de decembro de 2020. As prazas a cubrir no proceso de estabilización serán ofertadas en base aos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, así como o de publicidade derivado dos anteriores, e libre concorrencia.

Compartir: