ACCIÓN CULTURAL E TURISMO

O festival O QUE NON SE ESCRIBE arranca mañá en Compostela co ‘Paradís’ de Joana Gomila & Laia Vallès

11/05/2022 A master class do zanfonista Adrià Grandia abrirá a primeira xornada do festival, na que tamén está programada unha palestra arredor do novo mapa que relaciona música tradicional e creación, e que rematará co espectáculo ‘Paradís’ do dúo mallorquí Joana Gomila & Laia Vallés. A partir de mañá tamén será posible xa capturar os tesouros sonoros espallados polo casco vello da cidade. Na selección musical participaron artistas como Rodrigo Cuevas, Alba Carmona ou Refree, entre outras. As xornadas contan co apoio da Concellaría de Acción Cultural do Concello de Santiago e Turismo de Santiago.

Entre mañá xoves 12 e o domingo 15 de maio, Santiago acollerá a segunda edición do festival O QUE NON SE ESCRIBE, cun exquisito programa centrado de novo na aprendizaxe e experimentación arredor do noso patrimonio sonoro, co obxectivo de facer unha posta en común da situación e as necesidades do noso arquivo, ao tempo que se presentan algúns dos proxectos máis actuais arredor da música tradicional desde unha óptica contemporánea.

O programa arrancará o xoves 12 ás 16:00 h na Sala Riquela cunha master class impartida polo zanfonista e graller catalán Adrià Grandia, que vai facer un percorrido no que mostrará como a música tradicional se viu influenciada polos xéneros e os dispositivos tecnolóxicos de todas as épocas, para a continuación proponer que quizais deberíamos preguntarnos xusto o contrario: como podemos coa tradición chegar a novos camiños creativos? Pensemos os instrumentos populares como dispositivos, como poden xerar en sintetizadores, efectos e demáis tecnoloxías unha apertura para seguir dialogando coa tradición.

Adrià Grandia aproveita todos os recursos dos seus instrumentos, explorando as súas posibilidades sonoras e creando unha nova atmósfera a través dos dispositivos electrónicos. Actualmente traballa no seu novo proxecto, RE-, onde combina a recodificación da música tradicional coa danza, e colabora con Carlos Martorell e Marc Vilajoana no espectáculo Acte de fe, unha exploración da nosa relación coa tecnoloxía a través dos arquivos sonoros e a intelixencia artificial. As reservas para participar poden facerse a través de www.enterticket.es.

Adrià Grandia
Ás 18:30h, tamén na Sala Riquela, o xornalista Marcos Gendre presentará a palestra ‘Un novo mapa (música tradicional e creación)’, que contará coa participación de Caamaño & Ameixeiras, CRNDS, Andrés Rodrigues e Lilaina; catro proxectos innovadores, interesantes e diferentes que porán en común experiencias de aprendizaxe e creación partindo sempre do patrimonio sonoro entendido como algo vivo, que só é posible manter e conservar empregándoo como guía, como inspiración e como referencia para novas experimentacións.

A xornada do xoves rematará co transgresor espectáculo ‘Paradís’ das artistas baleares Joana Gomila & Laia Vallès na Casa das Crechas ás 21h. A transformación do material e a experimentación son a base do proceso creativo de Joana Gomila e Laia Vallès, procurando os límites da linguaxe tradicional para voar despois desde a electrónica. Cando se publicou Folk Souvenir, Joana Gomila sacudiu o mundo da música tradicional cunha forma de facer tan persoal como atrevida. Houbo poucos discos que capturaran de xeito tan fiel a alma mesma das tonadas mallorquinas, en parte e paradoxicamente, pola súa capacidade de liberalas dos corsés e reinventalas desde puntos de vista caleidoscópicos. Agora en "Paradís", Gomila parte dun novo formato a dúo con Laia Vallès, coa que, cun son expansivo e transgresor (teclados, sintetizadores, samplers), profundiza nese espíritu de busca e experimentación ao tempo que ensancha o seu universo sonoro incorporando por primeira vez cancións de composición propia. As entradas están disponibles en www.enterticket.es.

Un paseo á descuberta de tesouros sonoros
A partir de mañá xoves e ata o domingo 29 de maio estará dispoñible o paseo sonoro, que vai levar ás persoas participantes a través dun mapa por diferentes puntos da cidade nos que se poderán atopar tesouros sonoros. Cada punto agochará un código QR para escanear e escoitar cos auriculares un anaco dunha recolla de música tradicional. Acompañando a cada QR, atoparemos a información do audio: a quen lle foi gravado, onde e cando foi gravado e por quen foi gravado. Tamén por quen foi feita a selección da peza, xa que para escoller eses cortes contouse coa colaboración de destacados profesionais da música tradicional como Rodrigo Cuevas, Alba Carmona, Raül Refree, Luis Prego, Olga Cerpa e Mestisay, Bouba Pandereteiras, ou Lilaina entre outras.

Este ano, como novidade, ademáis de música tradicional galega, tamén poderemos escoitar 7 arquivos recollidos da tradición oral de 7 lugares polos que pasan os diferentes Camiños de Santiago, grazas aos que sempre se produciron importantes intercambios culturais: o Camiño Francés, o Camiño Inglés, o Camiño Portugués, a Vía da Prata, o Camiño Primitivo, o Camiño de Inverno e, como un guiño cara a sede xacobea máis antiga fora do territorio continental europeo, o Camiño de Santiago de Gran Canaria.

O paseo sonoro foi a actividade que acadou máis seguimento por parte do público na anterior edición e está apoiado por Turismo de Santiago, que organizará o sábado 14 e o domingo 15 catro paseos sonoros guiados con saída desde a Oficina de Turismo da Rúa do Vilar ás 11h30 e ás 18h30.

As xornadas están organizadas por Luneda Producións, co apoio da Concellaría de Acción Cultural do Concello de Santiago, Turismo de Santiago, e a Secretaría Xeral de Política Lingüística; e contan tamén coa colaboración de Artistas en Ruta-AIE, aCentral Folque, a USC e o Institut d'Estudis Baleàrics.

Direccións relacionadas



Compartir: