ACCIÓN CULTURAL

Santiago Auserón chega en xuño a Compostela co concerto de La banda de Juan Perro e coa presentación de ‘Arte sonora’ na SELIC

10/05/2022 O músico, escritor e filósofo Santiago Auserón achégase en xuño a Compostela nunha dobre cita, para ofrecer un concerto no Auditorio de Galicia con La banda de Juan Perro, e para presentar na SELIC a súa última creación de ensaio, "Arte sonora". Auserón ofrecerá o vindeiro 12 de xuño no Auditorio de Galicia o primeiro concerto da súa xira galega de 2022 con La banda de Juan Perro, un evento dará comezo ás 20.30 horas e cuxas entradas se poñerán á venda mañá mércores ás 11 h a través da plataforma Compostela Cultura.

Compostela será ademais a primeira cidade galega á que Santiago Auserón acuda como músico e escritor, xa que tamén visitará o Festival da Lectura SELIC 2022, o sábado 11 de xuño ás 20:00 horas na praza do Toural, para presentar a súa última obra, Arte sonora, un ensaio arredor da música na Grecia clásica o seu vencello co nacemento da Filosofía.

Concerto
O Auditorio de Galicia acollerá o 12 de xuño, ás 20.30 horas o primeiro concerto da xira galega de "Libertad", último traballo discográfico de La banda de Juan Perro. As entradas para asistir ao espectáculo (14 euros) xa poden mercarse de xeito anticipado na plataforma Compostela Cultura e nas billeteiras da Zona C e do Auditorio de Galicia. Coma sempre, estas entradas están suxeitas a un desconto do 50% para persoas estudantes, xubiladas, desempregadas ou preceptoras de rendas sociais.

"Libertad" é o décimo desde que nacera aló polo ano 1993 Juan Perro, logo da desaparición de Radio Futura, coa que Auserón desenvolveu a súa traxectoria musical entre 1980 e 1992.

La banda de Juan Perro inaugurouse con "Raíces del viento" (1995, premio ao mellor disco do ano Cambio 16 e mellor disco de rock latino español) e que acadou un rotundo éxito con "Río Negro" (2011), quinto álbum da banda publicado en 2011. Ata o día de hoxe, Santiago Auserón e La Banda de Juan Perro foron recoñecidos con premios como o Max das Artes Escénicas, Trovador do Festival de Los Castillos ou o Premio Nacional de Músicais Actuais.

Festival da Lectura
O sábado 11, ás 20 horas no praza do Toural, a SELIC recibirá a Santiago Auserón presentando a súa obra "Arte sonora· (Anagrama (2022). Unha intervención na que o músico e filósofo descubriralle ao público que vínculos músico-filosóficos recolle Arte sonora. E a audiencia tamén poderá achegarse á súa anterior obra, "El ritmo perdido" (Anagrama, 2021) e a outros ensaios do autor, como "Semilla del son", "Crónica de un hechizo" (Kultrum, 2019) "La imagen sonora" (Episteme, 1988).

"Arte sonora" é un ensaio no que Santiago Auserón explora a relación da música na Grecia arcaica e clásica coa poesía, o mito e a filosofía, analizando o vínculo entre palabra, linguaxe e música coa harmonía, o ritmo e a melodía. Unha obra que parte do interese do autor por descubrir "o rastro das sonoridades musicais no nacemento da filosofía".

Santiago Auserón
Nado en Zaragoza en 1954, Santiago Auserón estudou en Filosofía na Universidade Complutense de Madrid a na Université de Vicennes París VIII, baixo a dirección de Guille Deleuze.

A súa traxetoria como músico iniciouse en 1980 coa banda Radio Futura, e continuou a partir da disolución desta en 1992 coa creación de Juan Perro (1993). Durante todos estes anos Auserón non deixou nunca de lado os estudos, ensaios e reflexións musicais, artísticos e de pensamento en diversas publicacións especializadas.

Compartir: