COMERCIO

Aberta a inscrición para a campaña de dinamización de Compostela Diversa

09/05/2022 Entre as accións previstas pola celebración do Orgullo LGTBI está o reparto de material coma mandilóns, carteis ou manteis entre os comercios e o establecementos hostaleiros e hoteleiros da capital galega.

O Concello de Santiago lanza, un ano máis, a iniciativa Compostela Diversa, co obxectivo de facer da cidade un referente para as persoas LGTBI. Esta acción promovida dende a Concellería de Igualdade, conta coa colaboración de Turismo de Santiago, o departamento de Comercio e o apoio da Deputación da Coruña.

Por unha banda, trátase de amosar que Santiago é historicamente unha cidade de acollida para todos e todas, máis aló da procedencia, das crenzas relixiosas ou da orientación sexual.

Por outra banda, o obxectivo é que Santiago continúe evolucionando como destino turístico, sendo cada vez máis amplo e diverso. Neste sentido, Compostela Diversa é un programa excelente para dirixirnos a turistas do colectivo LGTBI, destacando o carácter respectuoso e acolledor da nosa cidade.

No marco da programación global prevista que se vai desenvolver entre o 13 de xuño e o 3 de xullo, Turismo de Santiago e o departamento de Comercio propoñen aos locais de hostalería e hotelería e as tendas da capital galega vestirse coas cores de Compostela Diversa, a través de distintos elementos coma mandís, carteis, postais, pousavasos e manteis.

Poderán participar os comercios, aloxamentos, bares e restaurantes de Santiago que remitan a súa inscrición antes do vindeiro día 27 de maio. A inscrición farase por rigorosa orde de chegada dos correos electrónicos.

Para participar na campaña, as persoas interesadas terán que remitir un correo a composteladiversa2022@gmail.com, co nome do establecemento, a persoa de contacto, a dirección, o teléfono e o correo electrónico ou chamar aos teléfonos 611541366 ou 644683161.

Compartir: