CENTROS SOCIOCULTURAIS

Os Centros Socioculturais lanzan o programa "Maio das Letras 2022"

05/05/2022 Un ano máis, a rede de bibliotecas dos Centros Socioculturais de Santiago presenta unha programación específica baixo o título "Maio das Letras 2022", adicada este ano ao poeta, editor, activista cultural e abogado Florencio Delgado Gurriarán, a quen se rende homenaxe con motivo do Día das Letras Galegas como unha das figuras clave da nosa cultura no exilio. Arredor desta celebración, proponse unha ampla oferta de actividades dirixidas tanto á animación da lectura, como ao fomento da creatividade e á actividade plástica como é a realización dunha pintura mural sobre o autor no exterior do centro sociocultural das Fontiñas, entre outras.

No programa proposto, destacan toda unha serie de iniciativas adicadas á narración oral e á poesía, obradoiros literarios, ou mesmo unha acción de solta de libros titulada "Encóntrate cun amigo" que terá lugar nas áreas e parques da contorna dos Centros Socioculturais de Castiñeiriño, Santa Marta, Conxo, Fontiñas, Vite e Pontepedriña.

O programa tamén recolle unha serie de visitas guiadas a distintas casas e museos de escritores e escritoras de Galicias ou daqueles que deixaron pegada na nosa cidade, cunha saída guiada o 6 de maio desde a Praza do Toural. O 12 de maio poderá visitarse a Casa de Emilia Pardo Bazán, coincidindo coa celebración do 100 aniversario do seu pasamento. Tamén se inclúe a visita á casa do pintor e escritor Eugenio Granell,o 18 de maio, e á Casa da Troia o 19 de maio. Este ciclo pecharase o 31 de maio cunha visita guiada a Cambados para facer o percorrido pola pegada de Ramón Cabanillas na vila.

Trátase de actividades con guía e totalmente gratuitas. Todas as iniciativas previtas, poden consultarse no programa adxunto "Maio das Letras 2022".

Para anotarse, cómpre chamar por teléfono ou achegarse ás bibliotecas dos Centros Socioculturais de Fontiñas, (981528752), Conxo (981528740), Santa Marta (981533960) ou Vite.

Documentos relacionados



Compartir: