MOBILIDADE

O Concello de Santiago apoia as reivindicacións da plataforma de afectados polos horarios dos trenes

03/05/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, recibiron esta mañá no Pazo de Raxoi a Reyes Abad e Cristina Fernández, en representación do grupo de usuarios de Renfe afectados polo funcionamento do servizo de media distancia. Este colectivo solicita a RENFE que as frecuencias dos trens poidan adaptarse ás necesidades reais dos usuarios en función da súa xornada laboral.

Tras o encontro, o alcalde confirmou que o Concello apoiará as demandas deste colectivo a través da "aprobación dunha declaración institucional no Pleno do Concellol", para o que Xosé Sánchez "da por feito que se chegará a un acordo unánime co resto dos grupos políticos da Corporación Municipal". Tamén recordou que aínda que xa se mantivo unha reunión sobre estas cuestións co responsable de RENFE en Galicia, pero comprometeuse en "volver a insisitir, especialmente con ADIF, para trasladarlle toda esta serie de reivindicacións".

Nesta liña, o rexedor salientou "que aínda que Lugo e Ferrol están nun escenario diferente, nas outras cinco cidades existe unha infraestrutura ferroviaria de primeiro nivel na que se invertiron miles de millóns de euros", polo que considera que non ten sentido "non optimizar o funcionamento desa rede nin aproveitar a mellora que supón a chegada da alta velocidade a Galicia, ou mesmo que teña como consecuencia un empeoramento da circulación interior na nosa Comunidade. Xosé S. Bugallo reclamou tamén a necesidade de "poñer en alto nivel de operatividade a rede da que se dispón actualmente".

Compartir: