XUNTA DE GOBERNO

Aprobada, por vía de urxencia, a convocatoria de ocupación de vía pública na Alameda para a colocación de postos durante as festas da Ascensión e do Apóstolo

25/04/2022 A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión extraordinaria, aprobou este mediodía o expediente de tramitación urxente que ten por obxecto a convocatoria pública para a autorización da "Ocupación de vía pública no Parque da Alameda de Santiago de Compostela para a colocación de postos durante as festas da Ascensión e do Apóstolo do ano 2022", establecendo un canon mínimo de 94.646,41 euros.

O prazo para a presentación das proposicións fíxase en 8 días naturais. A documentación para concorrer a este procedemento presentarase a través da Plataforma de Contratación do Sector Público nun único arquivo electrónico. No arquivo electrónico incluirase a documentación administrativa (declaración responsable e demais documentación, de ser o caso) e a proposición económica.
Esta convocatoria xa saira a licitación, por procedemento ordinario, coa aprobación en Xunta de Goberno o pasado 21 de marzo, cun canon mínimo de 235.026 euros para os anos 2022 e 2023. Ao quedar deserta, o Concello, atendendo ás peticións do sector, a subida dos prezos, sobre todo do combustible e a crise económica provocada polos dous anos de pandemia, decidiu rebaixar ese canon mínimo a 94.646,41 euros, só para o ano 2022, e tramítar o procedemento por vía de urxencia. O obxectivo é que despois de dous anos sin atracións debido as restricións impostas pola covid-19, éstas regresen ás Festas da Ascensión e ás Festas do Apóstolo.

Outros acordos
Na reunión do executivo municipal tamén se aprobou a modificación da zona de residentes nº 3, San Pedro, e incluir no réxime de residentes os números do 1 ao 43, e do 2 ao 8, da Avenida de Rodríguez de Viguri; e os números do 191 ao 275 da Avenida de Lugo.

Acordouse tamén a ampliación do aparcamento de Altiboia, que actualmente ten 30 prazas de 24 horas para residentes da zona 3, San Pedro. Agora amplíase con 9 prazas máis, co réxime de horario nocturno de 21:00 a 9:00 horas. E dáselle o visto bó a delimitación de 22 prazas de aparcamento de residentes no carril de servizo, sentido subida, da Avenida de Lugo, entre os cruces da rúa Lóndres e da rúa Berlín, en horario nocturno, de 21:00 a 9:00 horas.

A maiores, destínanse as 28 prazas de aparcamento en Triacastela a residentes da zona 3, San Pedro, durante 24 horas. E por último, acordouse modificar o aparcamento da Ameixaga, que na actualidade é en liña para 18 vehículos, a estacionamento en batería para 30 vehículos, tamén para residentes da zona 3, San Pedro, en horario nocturno de 21:00 a 9:00 horas.

Todas estas accións foron consensuadas polo goberno municipal coa veciñanza de Rodríguez de Viguri e coa Asociación de Veciños a Xuntanza.



Compartir: