ACCIÓN CULTURAL

A Banda Municipal ofrece un novo concerto baixo o título "O camiño da lírica" dentro do ciclo "Rutas e Sinfonías"

22/04/2022 O Teatro Principal acolle este domingo un novo concerto da Banda Municipal no que contará coa colaboración da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela. Ambas agrupacións suman sinerxías nun programa de música lírica protagonizado pola voz soprano solista de Mar Morán, de recoñecida traxectoria internacional, baixo a batuta do director da BMSC David Fiuza.

No marco do Ciclo II "Rutas e Sinfonías" da temporada 2021-2022 "Camiños Sonoros", a Banda de Música Municipal de Santiago ofrecerá o próximo domingo 24 de abril ás 12:00 h no Teatro Principal, o espectáculo "O camiño da lírica" que contará coa soprano solista de Mar Morán, premiada na última edición do Concurso de Canto que organiza a Asociación de Amigos da Ópera.

A primeira parte do programa, con música de ópera, céntrase na figura de Verdi, con famosas arias e recitativos de "Rigoletto" e de "La Traviata", intercalándose con coñecidos fragmentos instrumentais.

Na segunda parte o programa céntrase na zarzuela, e abrangue un espectro cronolóxico de amplitude, interpretando romanzas e partes orquestrais dende Barbieri (década de 1850) pasando por Chapí a comezos do século XX e chegando a coñecidos fragmentos de Amadeo Vives (1923) ou Pablo Sorozábal (1936).

Compartir: