SEGURIDADE CIDADÁ E MOBILIDADE

O Concello acolle unha xuntanza para poñer coto ao aparcamento en Lavacolla fóra das zonas permitidas

21/04/2022 O Pazo de Raxoi acolleu este mediodía unha xuntanza para abordar o problema que se vén detectando no entorno do aeroporto de Lavacolla de aparcamento de vehículos fóra das zonas específicamente habilitadas para esa función.

O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, agradeceu a asistencia á xuntanza tanto dos veciños da zona como de AENA e dos distintos corpos de seguridade: Garda Civil, Policía Nacional e Policía Local. Tamén contou coa presenza da concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón.

Tras a reunión, o concelleiro indicou que como cidade "non podemos permitirnos dar esta imaxe" e máis ás portas dunha época estival na que se prevé a recuperación do turismo e un incremento da chegada de visitantes, en espacial a través do aeroporto de Lavacolla.

Por parte da Policía e da Garda Civil instouse ás distintas partes, "especialmente a AENA e á veciñanza a que se denuncien as actuacións que se consideren fraudulentas" e tamén se chegou á conclusión de que sería positivo "aumentar a sinalética na parroquia para facilitar a labor da Garda Civil, que é quen ten competencias neste caso para poder multar e dar a orde de retirar vehículos para o depòsito municipal, que xa se está a facer", lembrou o edil.

Muíños tamén indicou que "AENA se comprometeu a acotar todas as súas parcelas co obxecto de que non sexan utilizadas por vehículos de particulares". Tamén fixo un chamamento a todos os usuarios e usuarias para que extremen a precaución á hora de empregar este tipo de plataformas.

Compartir: