SAÚDE

O Concello e ALCER suman esforzos para concienciar a poboación sobre a necesidade de doar órganos

20/04/2022 A concelleira de Políticas Sociais e Saúde, Mila Castro, e a concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, acompañadas por Alfredo Saborido, coordinador da Asociación para a loita contra as enfermedades de ril (ALCER), presentaron hoxe en rolda de prensa a campaña "Doar é doado" que pretende sensibilizar a distintos colectivos da poboación sobre a doazón de órganos.

A campaña "Doar é doado" desenvólvese este ano nos espazos deportivos de Santiago, punto de encontro de cidadáns de todas as idades aos que se pretende facer chegar a mensaxe que lembrou a concelleira de Políticas Sociais: a importancia de seguir doando órganos, xa que "a única alternativa que teñen moitas persoas para seguiren vivindo é que outras doen unha parte do seu corpo". Mila Castro recordou que "os riles se atopan entre os órganos que poden ser doados e, a diferenza doutros (como o corazón ou os pulmóns), poden obterse de doadores vivos e sans. A extracción dun dos dous riles que posúe un ser humano ten, ademáis, un risco moi baixo".

A edila reiterou que "decidir ser doador significa estar disposto a realizar un acto de altruísmo e solidariedade, significa axudar de forma directa a mellorar a calidade de vida dos enfermos e significa tamén salvar vidas". Por iso, "desde o Concello, levamos xa tres anos apoiando a campaña 'Doar é Doado' que pretende sensibilizar á poboación compostelá sobre a doazón de órganos", engadiu.

Na mesma liña, a concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, fixo un chamamento á cidadanía para que "se faga doante de órganos e tamén para que practique deporte, en calquera das súas modalidades e disciplinas", xa que se trata da mellor maneira de "manterse en forma, manter hábitos de vida saudables e previr distintas enfermidades".

Pola súa banda, Alfredo Saborido, coordinador da Asociación para a loita contra as enfermedades de ril (ALCER), explicou as distintas actividades incluidas no campaña e outras inciativas que se levarán a cabo en paralelo.

Actividades

"A Campaña "Doar é doado" enmárcase dentro do Programa Alcer 7 vidas, que pretende sensibilizar á cidadanía e fomentar a doazón de órganos entre a poboación de todos os rangos de idade de Santiago. Esta campaña de concienciación e información leva vixente no Concello dende os últimos 3 anos de forma continua, estendendo a súa presenza este ano aos espazos deportivos da cidade. Alfredo Saborido recordou durante a rolda que na actualidade "arredor de 300 personas atópanse á espera dun órgano en Galicia" polo que a doazón convértese nunha "responsabilidade de orde social" que toca a toda a cidadanía.

Dentro da campaña "Doar é Doado", o pasado domingo tivo lugar unha primeira acción de divulgación no estadio Verónica Boquete de San Lázaro durante o partido entre a Sociedade Deportiva Compostela e o Navalcarnero, que se repetirá o vindeiro domingo 24 de abril, entre as 16:00 e as 19:00 no Multiúsos Fonte do Sar durante o partido entre Santiago Futsal e CD Valladolid.

Durante estes eventos deportivos repartense dípticos informativos e orientase á poboación asistente sobre a Asociación Alcer, resolución de posibles dúbidas sobre a enfermidade renal, información sobre cómo facerse doante, impreso de doazón de Alcer Coruña, para poder solicitar o Carnet de Doante e fomento de hábitos de vida saudable para coidado do ril. Do mesmo modo, ponse á disposición dos asistentes de material de merchandising para venta. Con respecto á cartelería, repartirase nos distintos centros deportivos para dar visibilidade á doazón de órganos.

Compartir: