ALCALDÍA

Nova xuntanza da Comisión mixta de Peleteiro, coa participación da propiedade

19/04/2022 A Comisión mixta de Peleteiro mantivo hoxe unha nova xuntanza na que, ademais das asociacións representadas, todos os grupos políticos, os técnicos municipais, a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, participou a propiedade da parcela.

O rexedor compostelán cualificou a xuntanza de "moi franca e produtiva". Nela, a propiedade "presentou unhas determinadas visualizacións sobre cal sería o efecto do proxecto actual, o que está no Plan xeral actualmente en vigor, no caso de executarse ou da proposta que se pretende someter a aprobación plenaria vendo o soleamento de cada unha delas". Sánchez Bugallo fixo fincapé en que houbo un debate franco no que "practicamente todas as asociacións menos unha se pronunciaron con claridade acerca de sacar este tema adiante xa".

No marco da xuntanza solicitouse á sociedade que "estude a fórmula de mellorar a accesibilidade desde a República Arxentina buscando a ver se hai maneira de reducir o impacto e de aumentar a permeabilidade e a conectividade entre a futura praza, San Pedro de Mezonzo, República Arxentina e Alfredo Brañas". A Comisión quedou emprezada a unha vindeira xuntanza dentro de 14 días. Tras o encontro, o alcalde ratificou "a intención do goberno municipal de levar este tema a pleno no mes de maio".

Compartir: