ACCIÓN CULTURAL

O Concello programa unha serie de roteiros sobre o levantamento do 1846 en Santiago e a figura de Antolín Faraldo

19/04/2022 A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, acompañada por Oscar Senra Gómez, de Maos S. Coop, e Mercedes Vázquez Bertomeu, de deHistoria, presentou esta mañá o paseo guiado "O levantamento de 1846", organizado polo Concello para conmemorar os 200 anos do nacemento de Antolín Faraldo (1822-1853), figura fundamental neste momento histórico no que a nosa cidade tivo un protagonismo especial.

Ao longo desta semana, a Concellería de Cultura porá en marcha unha serie de iniciativas para conmemorar o bicentenario do nacemento de Antolín Faraldo e así dar a coñecer a súa figura entre a cidadanía. Deste xeito, entre o 21 e o 24 de abril terán lugar unha serie de roteiros guiados baixo o título de ‘O levantamento de 1846’, no que se porán en relación diversos espazos da cidade cos eventos acontecidos ao longo do mes de abril deste ano, no que as rúas de Compostela se converteron no escenario dunha cruenta batalla.

O Concello tamén publicará o caderno divulgativo "A Compostela da Revolución de 1846" con contidos a cargo de Mercedes Vázquez Bertomeu e Pilar Rodríguez Suárez, e ilustracións e deseño de Marcos Vigo. Este caderno é o sexto número dunha colección de estudos de carácter divulgativo, da que xa se publicaron nos últimos anos o número 1, adicado ao Arxebispo Xelmírez baixo o título "Compostela 1117"; o número 2, "Compostela festiva"; o número 3, "Compostela nos tempos de Nós", adicada á xeración Nós; o número 4, " A Compostela de Emilia Pardo Bazán", sobre a escritora galega; e o número 5 sobre "As casas do Concello".

Ademais se porá a disposición dos centros educativos da cidade unha unidade didáctica sobre o levantamento de 1846 dirixida ao alumnado do último curso da ESO.

Roteiros
Os paseos guiados repartiranse en cinco sesións que terán lugar os días 21 e 22 ás 20:00 horas, o sábado 23 cunha dobre sesión ás 12:00 e ás 19:00 horas e o 24 de abril ás 12:00 horas, datas que coinciden cos últimos momentos do levantamento e coa batalla final que se desenvolveu na nosa cidade. A inscrición é obrigatoria enviando nome, teléfono de contacto e número de prazas ao correo paseos.compostela@maos.gal paseos.compostela@maos.gal ou chamando ao 694 474 166 (de 8h a 13h). Aceptaranse 30 prazas por sesión e a inscrición permanecerá aberta ata o día antes de cada sesión.

Todos os paseos partirán dos baixos do Pazo de Raxoi. Os participantes deberán chegar uns minutos antes para o reparto das radioguías que facilitarán o seguimento das explicacións. Aínda que se repartirán auriculares dun só uso, recoméndase que cada persoa traia os seus propios auriculares.

Compartir: