XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno adxudica a obra de reforzo do pavimento na rúa de Santa Teresa Jornet por importe de 108.000

18/04/2022 A Xunta de Goberno local acordou hoxe adxudicar o contrato de "Rexeneración e reforzo estrutural do pavimento da calzada da rúa Santa Teresa Jornet (2ª fase)" á empresa Construcciones Ponciano Nieto S.L., por un importe total de 108.156,14 euros, ao ser a súa oferta a máis vantaxosa das presentadas. Dos acordos adoptados, informou en rolda de prensa o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

Ademais da devandita adxudicación, tamén se aprobou o proxecto da obra "Instalación de alumeado público na rúa das Estrelas", que conta cun orzamento de 94.292,31 euros. Segundo explicou o rexedor, tanto este contrato como outro de alumeado público na parroquia de Figueiras quedaron desertos cando sairon a licitación xa que non se presentou ningunha empresa a consecuencia da subida de prezos dos materiais. Agora, increméntase o orzamento deste contrato para poder cubrir eses custes.

Por outra banda, aprobouse inicialmente o "Proxecto de expropiación por taxación conxunta denominado "Expropiación complementaria no ámbito da reserva de equipamento IA-8 do PXOM"; imprescindible, segundo sinalou Sánchez Bugallo, para executar a plataforma loxística de distribución de mercadorías prevista polo concello no marco do "Programa de Axudas a Municipios para a implantación de baixas emisións e transformación dixital e sostible do transporte urbano", convocado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

Axenda Urbana 2030

O pasado día 13, noutra Xunta de Goberno extraordinaria, aprobouse a apertura do procedemento aberto de adxudicación e tramitación ordinaria para a realización dun estudo para a elaboración do plan de acción da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela. Trátase dunha actividade financiada ao abeiro da "Convocatoria para a elaboración de proxectos piloto de plans de acción local da Axenda Urbana española do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana. O orzamento base de licitación será de 116.099,45 euros, IVE engadido.

Este contrato financiarase con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea (NextGeneration EU), en base a unha axuda concedida por Resolución do 11/12/2021 do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana.

Compartir: