POLÍTICAS SOCIAIS

Ábrese o prazo para solicitar as axudas de taxi, destinadas a residentes en Santiago con dificultades de mobilidade ou con limitacións para o uso do transporte colectivo

18/04/2022 A partir de mañá xa se poden solicitar as axudas individuais para uso do taxi como medio alternativo para as persoas con dificultades de mobilidade, ou que presentan limitacións para o uso do transporte colectivo, máis coñecidas como "bonotaxi". O orzamento, de 15.000 euros; e as bases, que hoxe publica o BOP, o Boletín Oficial da Provincia da Coruña, aprobáronse o pasado día 6 en Xunta de Goberno. O prazo de solicitude é de dez días hábiles, contados a partir do 19 de abril.

Poderanse beneficiar destas axudas as persoas empadroadas e residentes no Concello de Santiago, que teñan recoñecida unha discapacidade que afecte gravemente á súa mobilidade, impedíndolles ou dificultándolles gravemente a utilización dos transportes públicos colectivos; aquelas que teñan recoñecida unha discapacidade visual que implique un grao de limitación na actividade igual ou superior ao 75%, ou as persoas sometidas a tratamentos periódicos, administrados dende calquera centro hospitalario da cidade.

Tamén poderán acceder a estas axudas aquelas persoas residentes no rural que padezan algún tipo de discapacidade, aquelas que presenten determinadas doenzas, ou persoas maiores de 65 anos afectadas polas limitacións derivadas da menor frecuencia ou accesibilidade ás liñas de transporte público.

As axudas calcularanse segundo os ingresos da persoa solicitante, e ingresaranse nun pago único. Así, as persoas cun límite de ingresos de ata o 150% do IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples), poderán percibir ata 350 euros. Aquelas que ingresen entre o 150% e o 250% do IPREM anual, poderían solicitar ata 250 euros. E as que os seus ingresos se situen entre o 250% e o 300% do IPREM anual terán dereito a un máximo de 150 euros, tamén nun pago único.

As solicitudes estarán a disposición das persoas interesadas na Concellaría de Políticas Sociais e Saúde, nos diferentes puntos de atención de Servizos Sociais municipais e na páxina web santiagodecompostela.gal. Formalizaranse segundo os modelos normalizados que se inclúen neste documento, e que se presentarán debidamente cubertos, xunto coa documentación, preferiblemente por vía electrónica, utilizando a sede electrónica do Concello, ou tamén a través do Rexistro Electrónico Común - REC, accesible no enderezo electrónico .

Alternativamente poderanse presentar en soporte papel na oficina de asistencia en materia de rexistros do Concello, ou en calquera dos órganos sinalados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

Compartir: