ALCALDÍA

O alcalde recibe a Plataforma de afectados pola parcela de Peleteiro

12/04/2022 O rexedor compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, mantivo esta mañá unha xuntanza no Pazo de Raxoi coa Plataforma de afectados pola parcela de Peleteiro, na que tamén estiveron presentes a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, e técnicos municipais de Urbanismo.

"Tivemos unha longa e franca reunión cos integrantes da plataforma de afectados", indicou Sánchez Bugallo, "que consideran que se debe abrir a praza cara a República Arxentina". O rexedor fixo fincapé en que se "discutiron e se comentaron todos os detalles, todas as razóns técnicas e de todo tipo que avalan unha solución ou outra. Creo que eles viron que a proposta muninicipal non é arbitraria, senón que está motiva en sólidas razóns e en todos os informes urbanísticos e medioambientais". Conto todo, abondou, "intentaremos darlle voltas para ver en que medida podemos encaixar ou facilitar a integración dalgunha das inquedanzas que eles nos plantexaron".

O alcalde reiterou que "o proceso segue adiante e espero que o interese xeral de Santiago e dos veciños do Ensanche prevaleza sobre calquera outra consideración" porque, sinalou, urxe "dar unha solución definitiva a este problema que vén afectando dunha forma tan negativa" a esta zona de Compostela.

A vindeira xuntanza da Comisión mixta de Peleteiro, na que están presentes varias asociacións e todos os grupo munipais, terá lugar o 19 de abril e nela participará tamén a entidade propietaria da parcela.

Compartir: