DEPORTES

O Monte do Gozo acollerá do 15 ao 17 de abril o II Open Xacobeo Disc Golf

12/04/2022 O evento, no que colabora o Concello, foi presentado esta mañá en rolda de prensa pola concelleira de Deporte, Esther Pedrosa, que estivo acompañada polo presidente do Compostela Club Disc Golf, Iván Gutiérrez de Terán, e por Rodrigo Sánchez, asistente do torneo. Prevese que asistan 62 xogadores de 7 nacionalidades do mundo.

O II Open Xacobeo Disc Golf celebrarase durante a Semana Santa de 2022, entre o 15 e o 17 de abril, en Santiago de Compostela, no Monte do Gozo. O torneo está sancionado pola PDGA (Professional Disc Golf Association) e rexerase polas regras e estándares de eventos de tier B. "O Concello aposta polo deporte en todas as disciplinas", salientou Pedrosa, que animou a cidadanía a asitir e a practicar algunha modalidade deportiva.

O presidente do Compostela Disc Golf, entidade organizadora do torneo, agradeceu o apoio municipal e destacou as características que presenta o campo do Monte do Gozo: "contamos cunhas instalacións de clase B, que nos permiten facer un torneo de alto nivel". Iván Gutiérrez de Terán engadiu que organizar este tipo de eventos permitirá visibilizar unha disciplina que aínda é descoñecida pero que "tivo un crecemento expansivo, sobre todo no norte de Europa".

Roberto Sánchez, asistente do torneo, deu conta dos aspectos técnicos. Xogaranse tres roldas de 18 foxos. Os grupos sairán desde o foxo 1 a intervalos de tempo regulares en horarios previamente programados. En caso de empate no primeiro posto, xogarase morte súbita para decidir o gañador de cada categoría. A final terá lugar o domingo 17.

Outorgaranse premios en efectivo en todas as categorías PRO. Entregaranse trofeos e outros premios aos gañadores das categorías AM e outras competicións (dobres, CTPS, etc.). "Ademais", engadiu, "haberá actividades paralelas para que se convirta nun evento social e non só nunha competición".

O disc golf xógase como o golf tradicional, pero no canto de usar bóla e paus, os xogadores lanzan un disco voador ou Frisbee, e no canto de foxos, hai cestas con cadeas para facilitar a parada do disco ou frisbee.

O deporte creouse formalmente nos anos 70. O obxectivo do xogo é, como no golf, lanzar o disco de canastra a canastra (de foxo a foxo) utilizando o menor número de lanzamentos posible.

Direccións relacionadas



Compartir: