XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno adxudica obras de abastecemento e saneamento en varias parroquias do rural por preto de 266.000 euros

11/04/2022 A Xunta de Goberno, reunida en sesión ordinaria, adxudicou dúas obras de abastecemento e saneamento en Ponte Alvar e nas parroquias de Aríns, Laraño e Sabugueira por un importe global de 265.840,01 euros. Ademais, deu o visto bo a cinco licenzas: para construción dunha nave no Polígono da Sionlla, para demolición e construción de edificio en Pérez Constanti, para unha vivenda unifamiliar e para o acondicionamento e cambio de uso dun local a vivenda. Dos asuntos tratados deu conta en rolda de prensa o alcalde de Santiago.

O executivo local adxudicou dúas obras no rural dentro do POS + da Deputación da Coruña, ambas á empresa Obras y Viales de Galicia SL. En primeiro lugar, as obras para a ampliación da rede de abastecemento na Ponte Alvar (POS+ 2020) por un importe de 130.420,00 euros. Así mesmo, adxudicou o expediente "obras de ampliación das redes de abastecemento e saneamento nas parroquias de Aríns, Laraño e Sabugueira (POS+ 2017)" por 130.420,00 euros.

Estas dúas obras forman parte dun paquete de 36 actuacións no rural que contan cun investimento superior aos 6 millóns de euros. Esta cifra superaría os 8,1 millóns se se contabilizan as actuacións realizadas con fondos propios.

Tamén para o rural foi a adxudicación do contrato de "subministración, instalación, configuración e posta en marcha de ordenadores de sobremesa e monitores en centros socioculturais no ámbito rural de Santiago de Compostela (POS+ 2020)", que recaeu na empresa MICROMEDIA SL por importe de 28.109,51 euros.

Licenzas

A Xunta de Goberno tamén deu luz verde a cinco licenzas: para o acondicionamento e cambio de uso de local a vivenda na Praza Nosa Señora da Mercé, en Conxo, cun orzamento de execución material de 35.858 euros; para a construción dunha vivenda unifamiliar situada no lugar de Ponte Alvar cun orzamento de 166.795 euros; dúas complementarias para a demolición de edificio situado na rúa Pérez Constanti, por 23.929,98 €, e a correspondente para a construción dun edificio de planta baixa, catro plantas altas e baixo cuberta para garaxes, rochos e oito vivendas cun orzamento de execución material de 485.600 euros.

Finalmente concedeuse licenza de obra nova para a construción de nave industrial para centro loxístico e de distribución na rúa do País Vasco, no Polígono da Sionlla, cun orzamento de execución material de 703.723,16 euros. A nave constará de tres plantas cunha superficie construída de 2.510,86 m2.

Outros asuntos

Entre outros asuntos aprobados, o alcalde salientou a renovación de 30 autorizacións de venda ambulante do mercadiño de Salgueiriños ou a cesión gratuíta á Fundación de Ferrocarriles de Galicia do vehículo Magirus dos Bombeiros. Construído en 1982 e xa en desuso, pasaría a integrarse no patrimonio do museo do ferrocarril de Galicia cunha finalidade museística e divulgativa e afección permanente de destino. Así mesmo, destacou a solicitude á Deputación da Coruña de varios espectáculos da rede cultural 2022 para os centros socioculturais.

O rexedor tamén se referiu ao acordo para o pagamento dos gastos de defensa letrada e representación dun funcionario municipal. "Consecuencia da instrución das causas da Pokemon que están sendo arquivadas", indicou e engadiu que o Concello destinará, con cargo aos remanentes, "unha cantidade de entre 200 e 300 mil euros para facer fronte ás defensas dos funcionarios e cargos municipais que foron sometidos a imputación e que, como consecuencia do arquivo dos sumarios, procede o pago das defensas".

Sobre a dación de conta de sentenzas, Sánchez Bugallo fixo fincapé na relativa á canteira de Miramontes: "perdemos dúas pero gañamos a máis importante", a que fai referencia "á comunicación previa, na que a senteza lle da a razón ao Concello". O alcalde adiantou que "estamos en conversas coa empresa e espero poder anunciar proximamente a clausura da súa actividade".

Documentos relacionados



Compartir: