EDUCACIÓN

Un total de 190 nenos e nenas participarán nos programas de conciliación de Semana Santa

08/04/2022 O Departamento de Educación do Concello de Santiago pon en marcha un ano máis o "Programa Municipal de Conciliación de Semana Santa 2022", que se desenvolverá os días 11, 12, 13 e 18 de abril de 2022 nas instalacións do CEIP Quiroga Palacios, e que contará coa participación de 87 cativos. O Espazo de Lecer María Miramontes e as Escolas Infantís Municipais tamén ofrecerán este servizo a 73 e 30 menores, respectivamente.

Un total de 190 inscritos beneficiaranse deste servizo destinado a nenos e nenas empadroados no concello de Santiago de Compostela ou que cursen estudos en centros de educación infantil e primaria do noso municipio (entre o 2º Ciclo de Educación Infantil e o 3º Ciclo de Educación Primaria, ambos os dous inclusive), con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. O obxectivo é favorecer a conciliación da vida familiar e laboral, ofrecendo aos menores participantes unha alternativa de lecer e tempo libre, desenvolvendo valores de cooperación, respecto e tolerancia.

A modalidade de participación das familias interesadas será completa, é dicir, teñen que inscribir aos menores os catro días que se oferta o servizo. Nesta ocasión e pola situación da pandemia xerada pola COVID-19 non se admiten solicitudes para días soltos. O horario será de 9:00 h a 14:00 horas. O programa ofrece a posibilidade de que as familias poidan solicitar, ademais, unha das 30 prazas para o servizo de madrugadores con almorzo (de 7:45 h a 9:00 h) ou das outras 30 para o servizo de comedor (de 14:00 h a 16:00 h).

Ademais, ofertáronse 100 prazas, das que 12 reserváronse para nenos e nenas con informe de do Departamento de Servizos Sociais do Concello de Santiago de Compostela que teñen carácter de acceso directo ao programa.

Ludoteca de Fontiñas
Esta oferta completarase co programa de conciliación no Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes no que participarán 73 nenos e nenas con idades comprendidas entre 3 a 12 anos, en horario de 07:45 a 15:00.

O Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes, ubicado no barrio das Fontiñas, conta cunha superficie total construída de 1.080,50m2 e unha superficie útil de 730,63 m2, dividida en dúas plantas.

O edificio está concibido para acoller espazos de xogo libre, espontáneo e creativo e tamén dirixido, co obxecto de proporcionar aos nenos e nenas con idades comprendidas entre os 2 e os 12 anos, espazos acondicionados para o xogo, posibilidades de relacionarse, acceso a xogos e xoguetes e outros materiais lúdicos, animación á lectura, promoción do libro e todas aquelas propostas que favorezan, ademais, a conciliación da vida persoal, laboral e familiar.

Escolas Infantís Municipais
As Escolas Infantís Municipais acollen tamén 30 nenos e nenas de 3 a 8 anos que participarán nos obradoiros de conciliación durante este período vacacional.

Estes obradoiros teñen como obxectivo axudar ás familias a conciliar a vida familiar, laboral e persoal nos períodos extraescolares. Así as Escolas Infantís Municipais convértense nun lugar de encontro para nenos e nenas do segundo ciclo de Educación Infantil e primeiro ciclo de Primaria cunha proposta diferente e lúdica, rompendo coa rutina do curso escolar e ofertando unha serie de actividades ós máis pequenos que permitan ás súas familias seguir cumprindo cos compromisos laborais.

Compartir: