ACCIÓN CULTURAL

Preséntase o roteiro "O Santiago da II República da man de Fernando Barcia Veiras" que se vai desenvolver o 14 de abril

07/04/2022 A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, convidou a cidadanía de Compostela a participar no roteiro "O Santiago da II República da man de Fernando Barcia Veiras" que se vai desenvolver o xoves 14 de abril. Unha actividade que, sinalou, "constitúe un importante exercicio de visibilización e difusión da nosa memoria histórica".

Ao acto de presentación tamén asistiu o guía do roteiro, Miguel Paz Cabo, especialista en Historia Contemporánea, e autor do libro "¡VIVA LA LIBERTAD!: La silenciada historia del maestro Fernando Barcia en el Santiago de la segunda República". Explicou que este roteiro achegaranos, "a través da figura de Barcia Veiras, con quen Santiago ten unha débeda pendente, aos puntos máis destacados da historia da República na nosa cidade".

Miguel Paz destacou a vinculación de Fernando Barcia Veiras co concello de Santiago. "Foi a persoa que mentras o alcalde José Germán non estaba tomou as rendas da defensa da cidade e do mantemento da legalidade republicana. Foi unha persoa que durante os días negros do golpe de estado, preludio de corenta anos de escuridade, mantivo o rostro humano que amosou a segunda República desde o primeiro momento".

O roteiro sairá ás 12:00 h. desde o palco de música da Alameda. "O último lugar desde o que se puido facer un mitin en tempos de paz", segundo sinalou Miguel Paz. Barcia Veiras era presidente da Agrupación Socialista de Santiago e participou no gran mitin anterior ao plebiscito do Estatuto de Autonomía, que "o golpe de estado truncou".

Miguel Paz sinalou que "camiñando pola cidade ímonos centrar no que foi a segunda República, a época na que o asociacionismo cultural e feminista tivo unha maior presenza na cidade. Foi Barcia Veiras o que organizou a primeira semana feminista que se fixo en Galicia". "Penso", engadiu, "que é un roteiro que pode axudar a sacar á luz a Fernando Barcia e á segunda República en Santiago, unha recuperación da memoria histórica que é fundamental".

Mercedes Rosón convidou a veciñanza a participar "nesta experiencia, que ten un triple obxectvo: recuperar este importante episodio da nosa memoria histórica; achegarnos aos puntos máis destacados da história da República na nosa ciddade, e renderlle un homenaxe a todas esas persoas que pagaron coa vida e co silencio a súa defensa da liberdade".

O roteiro "O Santiago da II República da man de Fernando Barcia Veiras" conta con 30 prazas, e é de balde. A xestión de reservas farsase por orde de inscrición no correo electrónico roteirodamemoria@gmail.com.

Biografía Fernando Barcia Veiras
Fernando Barcia Veiras era un mestre e político galego, nacido en Santiago un 24 de agosto de 1885. Como político, foi presidente da Agrupación Socialista de Compostela de 1931 a 1938, ano no que foi asasinado. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi nomeado Presidente do Comité de Defensa da República de Santiago. O 21 de xullo foi detido e posto en liberdade ao día seguinte a causa dun erro administrativo. Agochouse na casa da súa curmá Dolores Barcia Pérez, foi declarado en rebeldía e cesado de emprego e soldo en agosto. O 15 de xuño de 1937 foi atopado nun rexistro realizado na casa da súa curmá, na rúa de San Pedro. Foi xulgado e condenado a morte por traizón. A súa execución tivo lugar o 29 de xaneiro de 1938 no cemiterio de Boisaca.

Direccións relacionadas



Compartir: