SAÚDE

Máis de corenta empresas participan esta fin de semana nun evento de vodas a favor de ASOTRAME

07/04/2022 A Cidade da Cultura acolle esta fin de semana o evento de vodas WeddingPack Solidario "Cásate no Camiño", cuxo beneficio íntegro será doado a ASOTRAME (Asociación Galega de Transplantados de Medula Ósea) para proxectos de humanización dos pacientes illlados nos hospitais. A feira está organizada pola asociación sen ánimo de lucro I’TICS (Institución turística inclusiva, cultural e social), que conta co apoio do Concello de Santiago.

Os próximos días 9 e 10 de abril, o Museo Gaiás da Cidade da Cultura acollerá o evento de vodas WeddingPack Solidario "Cásate no Camiño", un punto de encontro entre profesionais de vodas tanto locais como do resto de Galicia, España e internacional, dirixido ao público en xeral. As parellas interesadas poderán asistir ás charlas, exhibicións, actuacións, degustacións e outras experiencias que lles axudarán a preparar a súa voda.

O beneficio íntegro obtido en WeddingPack Solidario "Cásate no Camiño" será doado a ASOTRAME para financiar iniciativas que pretenden humanizar a sanidade a través de proxectos de "Arte e Saude" implantados en hospitais públicos galegos con pacientes illados transplantados de medula ósea, actualmente no CHUAC e en breve no CHUS, converténdoo nun proxecto pioneiro na sanidade pública española.

As parellas e o público en xeral interesados en asistir aínda están a tempo de solicitar a súa invitación de balde na web weddingpacksolidario.com. Ademais, os asistentes participarán en varios sorteos, un deles será unha experiencia astronómica nunha burbulla Alabarari.

O evento conta coa colaboración do Concello de Santiago, a Cidade da Cultura, CITES (Centro de Iniciativas Turísticas, Económicas e Sociais de Ferrol), OCA Puerta del Camino (Hotel Oficial de Cásate no Camiño), entre outros colaboradores.

Direccións relacionadas



Compartir: