EDUCACIÓN

A Ludoteca de Fontiñas celebra este sábado 9 de abril o aniversario de nacemento de María Miramontes

07/04/2022 Coincidindo co aniversario de nacemento de María Miramontes, o 6 de abril de 1895, está previsto a realización de diferentes actividades relacionadas coa súa vida.

O Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes, situado no barrio das Fontiñas, organiza este próximo sábado dous obradoiros dirixidos á rapazada, un de "patchwork" e outro de contacontos sobre "A cebra Camila", ambos inspirados nas ocupacións da costureira e activista galega. Esta xornada de homenaxe rematará co concerto de "Pakolas".

Aquelas persoas que desexen participar deberán inscribirse a través da páxina web do centro, indicando nas observacións o número de persoas que teñen previsto asistir. Se xa teñen a alta no servizo, só teñen que inscribirse e os nenos e nenas poderán quedar sós ao centro. Pola contra, se non a teñen deberán estar sempre acompañadas polas súas familias.

Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes

O Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes, ubicado no barrio das Fontiñas, conta cunha superficie total construída de 1.080,50m2 e unha superficie útil de 730,63 m2, dividida en dúas plantas.

O edificio está concibido para acoller espazos de xogo libre, espontáneo e creativo e tamén dirixido, co obxecto de proporcionar aos nenos e nenas con idades comprendidas entre os 2 e os 12 anos, espazos acondicionados para o xogo, posibilidades de relacionarse, acceso a xogos e xoguetes e outros materiais lúdicos, animación á lectura, promoción do libro e todas aquelas propostas que favorezan, ademais, a conciliación da vida persoal, laboral e familiar.

Compartir: