XUNTA DE GOBERNO

Aprobadas as bases da convocatoria de axudas individuais para o uso do taxi e a apertura do procedemento de licitación da Festa dos Maiores 2022 e 2023

06/04/2022 A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión extraordinaria, aprobou a apertura do procedemento de adxudicación do expediente denominado "Contratación de Servizo de organización da celebración da Festa dos Maiores 2022 e 2023", establecéndose un tipo de licitación de 83.028 euros.

Esta licitación ten por obxecto a contratación da organización do xantar da "Festa dos Maiores 2022 e 2023" que terá lugar no recinto feiral de Amio en Santiago de Compostela. A deste ano celebrarase o próximo 28 de maio, e a de 2023, tamén será en maio, pero non hai aínda data fixada. O obxectivo desta celebración é fomentar a participación e interacción das persoas maiores de distintas parroquias e lugares do termo municipal, celebrando un día especial nun espazo de encontro no que se sintan protagonistas. O prazo de duración do contrato estenderase desde a sinatura do contrato ata o 31 de xullo de 2023.

Axudas para o servizo de taxi
Tamén se aprobaron as bases da convocatoria das axudas individuais para o uso do servizo de taxi como medio alternativo para as persoas con dificultades de mobilidade, ou que presentan limitacións para o uso do transporte colectivo, máis coñecidas como "bonotaxi". O gasto destinado a esta convocatoria é de 15.000 euros.

Poderanse beneficiar destas axudas as persoas empadroadas e residentes no Concello de Santiago, que teñan recoñecida unha discapacidade que afecte gravemente á súa mobilidade, impedíndolles ou dificultándolles gravemente a utilización dos transportes públicos colectivos; aquelas que teñan recoñecida unha discapacidade visual que implique un grao de limitación na actividade igual ou superior ao 75%, ou as persoas sometidas a tratamentos periódicos, administrados dende calquera centro hospitalario da cidade.

Tamén poderán acceder a estas axudas aquelas persoas residentes no rural que presenten algún tipo de discapacidade, aquelas que presenten determinadas doenzas, ou persoas maiores de 65 anos afectadas polas limitacións derivadas da menor frecuencia ou accesibilidade ás liñas de transporte público.

As axudas calcularanse segundo os ingresos da persoa solicitante, e ingresaranse nun pago único. Así, as persoas cun límite de ingresos de ata o 150% do IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples), poderán percibir ata 350 euros. Aquelas que ingresen entre o 150% e o 250% do IPREM anual, poderían solicitar ata 250 euros. E as que os seus ingresos se situen entre o 250% e o 300% do IPREM anual terán dereito a un máximo de 150 euros, tamén nun pago único.

As solicitudes estarán a disposición das persoas interesadas na Concellaría de Políticas Sociais e Saúde, nos diferentes puntos de atención de Servizos Sociais municipais e na páxina web www.santiagodecompostela.gal. Formalizaranse segundo os modelos normalizados que se inclúen neste documento, e que se presentarán debidamente cubertos, xunto coa documentación, preferiblemente por vía electrónica, utilizando a sede electrónica do Concello, ou tamén a través do "Rexistro Electrónico Común - REC".

Alternativamente poderanse presentar en soporte papel na oficina de asistencia en materia de rexistros do Concello, ou en calquera dos órganos sinalados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

As solicitudes presentaranse no prazo de 10 días hábiles, contados a partir do seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

Compartir: