ALCALDÍA

Continúan os traballos da Comisión mixta de Peleteiro coa presentación do informe dos técnicos municipais

06/04/2022 A Comisión mixta de Peleteiro mantivo esta mañá unha xuntanza de traballo presidida polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, na que tamén estiveron presentes a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón; representantes dos grupos municipais, das asociacións que forman parte da mesma e técnicos municipais.

Na xuntanza presentou o informe subscrito polo xefe de Planeamento e pola xefa de sección de Planeamento que "é coincidente co informe que anticipaba a Xunta de Galicia, concretamente a Consellería de Medio Ambiente, relativo ás diferentes opcións", indicou o alcalde, que engadiu que nese informe se valora a proposta 4 como a que "encaixa mellor dentro Ensanche e ofrece máis posibilidades tanto dende o punto de vista do soleamento como de funcionalidade da praza" así como do aparcamento. "Na opción 4", apuntou Sánchez Bugallo, "prevese unha entrada desde República Arxentina de 13 metros de ancho, máis que Alfredo Brañas, e logo ábrese a San Pedro de Mezonzo cunha amplitude de 49 metros". Na 5, engadiu, "ábrese unha praza de 30 metros cara República Arxentina e unha saída de 7 metros de anchura cara a San Pedro de Mezonzo".

A documentación presentada hoxe "facilitóuselle a todos os grupos e ás asociacións". A comisión volverá xuntarse o vindeiro 19 de abril, reunión na que tamén estará presente a empresa propietaria da parcela.

Sánchez Bugallo agarda poder "avanzar cara unha solución" tendo en conta os pasos a seguir: o seguinte sería someter o proxecto a aprobación inicial; a continuación, sairía a exposición pública por espazo de dous meses, tempo no que "todos poden formular alegacións e propostas que terían que ser informadas e resoltas para a aprobación provisional". Unha vez rematada esa fase corresponderíalle emitir informe preceptivo e vinculante á Xunta de Galicia para a posterior aprobación definitiva. "Atopámonos nunha fase previa na que estamos ao borde de poder dar o primeiro paso dende o punto de vista administrativo, que sería a aprobación inicial", sinalou o alcalde, "pero ata a definitiva aínda nos quedarían aproximadamente 9 meses, se todo vai ben".

Compartir: