CENTROS SOCIOCULTURAIS

Os Centros Socioculturais de Santiago lanzan a súa nova oferta de actividades deportivas no exterior

06/04/2022 O concelleiro de Centros Socioculturais, Javier Fernández, acompañado por Enrique Vázquez e Beatriz Cornide, responsable e técnica da Rede dos CSC respectivamente, presentou esta mañá en rolda de prensa, as rutas de sendeirismo "Camiñando a Santiago" e "O Xiro dos Montes", propostas de deporte ao aire libre para a veciñanza da cidade que se desenvolverán entre abril e xuño.

O concelleiro Javier Fernández presentou esta mañá o programa de rutas de sendeirismo proposto pola Rede de Centros Socioculturais para as próximas semanas, no que destaca unha serie de seis rutas que cubren as últimas etapas do Camiño de Santiago, unha delas dirixida especificamente ao público sénior que percorrerá o último tramo do Camiño Portugués.

Camiñando a Santiago

A Rede de Centros Socioculturais de Santiago tamén ofrece á veciñanza a posibilidade de facer as últimas etapas dos camiños dos peregrinos a Compostela. A duración de cada unha destas rutas é de 8 horas, con saída ás 09:30 desde a rúa da Rosa, paradas para descanso e comer, e chegada aproximada ás 18.00h.

Os roteiros terán lugar nas seguintes datas:

- Domingo, 8 de maio: Camiño Francés dende o Pedrouzo (20 km)
- Domingo 22 maio: Camiño Inglés dende Sigüeiro (17 Km)
- Domingo 29 maio: Camiño da Prata dende Ponte Ulla (19 Km)
- Domingo 5 xuño: Camiño de Fisterra dende Negreira (21 km)
- Domingo 12 xuño: Camiño Portugués dende Padrón (24 km)

Ademais, o sábado do 21 de maio, prevese unha ruta dirixida aos máis maiores baixo o título "Camiñando a Compotela Senior", que consistirá en realizar a última etapa do Camiño Portugués, con saída ás 10:30 dende o Castelo da Rocha ata a Praza do Obradoiro.

En cada unha destas rutas, hai 40 prazas dispoñibles. A dificultade en todos os casos é alta, menos no Camiño Portugués, que é baixa.

Xiro dos Montes
Durante a rolda, tamén se presentou a proposta "O Xiro dos Montes", unha ruta de 34 kilómetros de lonxitude, acondicionada no 2021 polo Concello de Santiago dentro do programa de emprego-formación CREAS III, que permitiu o trazado e delimitación da senda que une os montes urbanos da cidade. Este roteiro pasa polos miradoiros naturais da cidade ofrecendo unhas vistas inmellorables da mesma. Para a realización deste percorrido, a Rede de Centros Socioculturais propón dúas modalidades diferentes: dividida en seis etapas ou enteira ao longo dunha única xornada, todas elas con 20 plazas.

A opción por etapas articúlase en tramos circulares cunha duración aproximada de 3 horas cada unha, que se veñen desenvolvendo desde principios de marzo. A próxima saída será o sábado, 9 de abril, e o percorrido arrancará ás 10:30 horas no Centro Sociocultural de Conxo, para despois dirixirse ao Monte de Santas Mariñas e desde alí, cara ao Monte Gaiás, e rematará sobre as 13:00. A esta actividade, cunha dificultade media, destinaranse 20 prazas.

Tamén existe a posibilidade de completar a ruta "O Xiro dos Montes" nunha soa xornada, nunha única etapa de 12 horas, con paradas para comer e descansar. Esta actividade, recomendada para persoas con boa forma física e con adestramento do sendeirismo, terá lugar o domingo 24 de abril con hora de saída ás 09:30 h e chegada aproximada ás 18.00 h

A inscrición poderá facerse de forma presencial nos Centros Socioculturais ou vía telefónica no 981543001.

Compartir: