PLENO

Volve a presencialidade ao pleno municipal

05/04/2022 Despois de dous anos de pandemia, o Pleno municipal volve celebrarse de forma presencial. A última vez que acudiran todos os concelleiros ao salón de plenos fora en febreiro de 2020 e dende ese momento e ata este pleno ordinario de marzo só estaban presentes no Concello o alcalde e os voceiros municipais. O resto dos membros da Corporación seguían a sesión de forma telemática.

Nesta xuntanza ordinaria de marzo, que se celebrou en abril por mor da participación do alcalde na recepción que SM o Rei ofreceu aos rexedores e rexedoras do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España o pasado día 31 de marzo, tomou posesión como novo membro da Corporación por parte do grupo municipal popular Pedro Rey Sanchiz, que substitúe a Ana Belén Sabel.

Dentro dos asuntos da orde do día, o Pleno aprobou dous expedientes de suplemento de crédito, cos votos a favor do Grupo Socialista e a abstención da oposición. Un de 266.600, que se destinará á execución da actuación "Mellora da accesibilidade en barrios desfavorecidos"; e outro de 27.610 euros, co obxectivo de dar cobertura á licitación do contrato de "Formación de acollida de bombeiros de nova incorporación para o Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento".

Minuto de silencio

Antes de comezar, o Pleno gardou un minuto de silencio polas últimas vítimas de violencia machista. Ás 12.00 h, os membros da Corporación tamén amosaron na praza do Obradoiro o seu rexeitamento polo asasinato machista que tivo lugar onte en Nohales (Cuenca).

Compartir: