TURISMO

Turismo de Santiago adhírese ao Consorcio Herit Data para a xestión sostible do patrimonio

04/04/2022 Trátase dun acordo enmarcado no proxecto europeo Interreg Mediterranean que permitirá a Turismo de Santiago intercambiar coñecementos e resultados na medición dos impactos do turismo.

Turismo de Santiago ven de asinar a súa adhesión ao Consorcio Herit Data, unha iniciativa financiada polo proxecto europeo Interreg Mediterranean que ten por obxectivo apoiar unha xestión máis sostible en aqueles destinos patrimoniais que, ao longo da temporada alta, reciben altos fluxos de visitantes, aproveitando as novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación.

Esta iniciativa, complementaria do proxecto BODAH do que Turismo de Santiago é líder, permitirá recibir asesoramento á capital galega en canto aos impactos do fluxo de visitantes. Neste senso, Herit Data vai permitir aumentar a cooperación entre os entes implicados e reforzar tamén os esforzos de promoción das solucións dispoñibles desenvolvidas ata o momento.

Ademais, vai promover unha estreita colaboración nos enfoques normativos, anticipando o turismo excesivo e garantindo un marco máis estratéxico para a cooperación entre os destinos e os impulsores do proxecto.

Isto tradúcese no intercambio de coñecementos, co obxectivo de fomentar as sinerxias entre os distintos participantes, así como o aproveitamento dos coñecementos técnicos que permita a transferencia de datos de interese entre os destinos implicados neste proxecto.

O proxecto Herit Data leva case dous anos en funcionamento con 8 proxectos de estudo e 17 proxectos pilotos. Conta con 13 socios de 7 países distintos. Ademais de España, están Croacia, Italia, Francia, Bosnia-Herzegovina e Grecia, nos que destacan as ciudades de Florencia e Dubrovnik que como Santiago son Patrimonio da Humanidade.

Compartir: