ACCION CULTURAL

Compostela acolle a asemblea xeral de ICOMOS España e unha xornada técnica sobre o Camiño de Santiago

02/04/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, achegouse esta tarde ata o Auditorio de Galicia, para saudar ás persoas asistentes á Asemblea Xeral Ordinaria de ICOMOS España. Entre os asistentes atópase a concelleira de Urbanismo, Cidade Histórica e Acción Cultural, Mercedes Rosón; e o presidente de ICOMOS España, Jordi Tresseras Juan.

Pola mañá, tamén no Auditorio de Galicia, celebrouse a xornada "Xestión e retos do Camiño de Santiago en 2022", organizadas por ICOMOS España e na que colaborou o Concello de Santiago.

Nestas xornadas sobre a ruta xacobea, expertos como Miguel Ángel Cajigal Vera, Lourdes Pérez Castro, ous dous membros de Icomos España; ou Carlos Amoedo Souto, Catedrático de Dereito Administrativo, expuxeron o seu punto de vista sobre o presente e o futuro do Camiño de Santiago, conectando a súa xestión, divulgación e tutela coas diferentes problemáticas vixentes e/ou casos de boas prácticas.

Foi unha xornada técnica, na que o debate se centrou nas diferentes iniciativas e desafíos que caracterizan o panorama actual na xestión deste complexo ben cultural, inscrito na Lista do Patrimonio Mundial desde 1993 (con extensión en 2015).

ICOMOS (Consello Internacional de Monumentos e Sitios) é unha organización internacional non gobernamental asociada coa UNESCO. Está adicada á promoción da teoría, a metodoloxía e a tecnoloxía aplicada á conservación, protección e posta en valor do patrimonio cultural.

Compartir: