TURISMO

Turismo de Santiago aposta pola promoción turística en Estados Unidos

01/04/2022 Turismo de Santiago participa nunhas xornadas directas de comercialización co mercado norteamericano que se celebran en Miami ao longo de tres días e que organiza Turespaña.

Turismo de Santiago asiste estes días ás xornadas directas de comercialización co mercado estadounidense que teñen lugar en Miami. Este evento está organizado pola Oficina Española de Turismo de Miami e consta de presentacións dos destinos, citas e networking cos compradores. Ao longo destes días, reúnense turoperadores e axentes de todo EEUU, convocados polas OETS de Miami, Chicago, Nova York e Os Ánxeles.

Turismo de Santiago realizou hoxe a súa presentación de destino cunha ampla oferta patrimonial, cultural e gastronómica, que ademais ofrece ao mercado norteamericano o valor engadido de estar a celebrar o Ano Santo 2022.

Estados Unidos foi, previo á pandemia, o terceiro mercado internacional en número de pernoctacións na cidade, segundo os datos do INE. De feito, dende 2010, o número de pernoctacións multiplicouse por tres nos hoteis composteláns, rondando as 75.000 antes da crise do COVID, tras Italia e Alemaña.

É por iso que EEUU é un mercado estratéxico para Santiago e un dos obxectivos marcados neste 2022 é promocionar e recuperar estes visitantes trala pandemia. E é que, segundo os datos facilitados por Tuespaña, os turistas norteamericanos son un dos maiores emisores para o noso destino. Considerado un mercado maduro, realizan un gasto por persoa e día moi elevado, que supera os 210 euros.
Só o ano pasado, visitaron España case 800.000 estadounidenses, que realizaron un gasto aproximado de 1.500 millones de euros, cunha estadía media de 8,8 días.

En 2021 a principal motivación dos estadounidenses foi o lecer (79% do total) e pernoctaron maioritariamente en hoteis. Foron mayoría os que viaxaban sós (31%) seguidos daqueles que viaxaron en parella (29%) ou en familia (21%). As principais actividades realizadas foron visitas a cidades (64%), as compras (56%) e as visitas culturais (51%).

Compartir: