MOBILIDADE

A plataforma loxística de distribución de mercadorías, incluída na resolución provisional das axudas a municipios do Ministerio de Transportes procedentes dos Fondos Next Generation EU

24/02/2022 O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, publicou a "Resolución provisional de concesión das axudas do programa de axudas a municipios para a implantación de zonas de baixas emisións e a transformacion dixital e sostible do transporte urbano", no que está incluída a "Plataforma loxística de distribución de mercadorías no casco histórico de Santiago de Compostela", cun importe total a otorgar de 3.913.920 euros, a mesma cantidade que se solicitara por parte do Concello.

A través deste programa instruméntase parte do investimento do "Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia" aprobado pola Comisión Europea o 16 de xuño de 2021 e polo Goberno de España o 13 de xullo de 2021. O Programa conta cunha provisión de 1.500 millóns de euros. A contía total máxima das axudas, procedentes dos fondos Next Generation EU, a conceder no marco da primeira convocatoria é de 1.000 millóns de euros con cargo ás anualidades 2022 e 2023.

Neste momento, o Concello de Santiago xa está traballando nesa plataforma loxística de distribución de mercadorías. O pasado luns, a Xunta de Goberno Local acordou remitir á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, a solicitude de inicio do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada do "Plan especial de infraestruturas e dotacións na parcela de equipamento IA-8" para a implantación da plataforma loxística de Mallou, formulado de oficio polo Concello.

A parcela, localizada en Meixonfrío, conta con 12.000 metros cadrados de superficie. A solicitude achégase xunto ao "Documento ambiental estratéxico" e ao borrador do plan. Segundo explica este documento, a parcela IA-8 está incluída neste sector coa cualificación de sistema xeral de equipamento; e define catro zonas de ordenación:

- Área de movemento da edificación (AME), no centro da parcela. Será, segundo explicou o alcalde, unha zona de carga e descarga, cunha nave central.
- Espazos libres da parcela (ELP), arredor da área da AME, destinada á circulación, manobra e estacionamento de vehículos.

- Itinerario peonil/reserva viaria (IP-RV), que ten por obxecto permitir no futuro o enlace desde a Av. Do Cruceiro da Coruña co viario do sector SUD-1.

-Itinerario peonil/área de amortecemento (IP-AA). Establécese unha franxa arborada de protección ou amortecemento, situada no borde oeste do ámbito, en contacto coas parcelas das edificacións que dan fronte á rúa de Mallou e a Avenida do Cruceiro da Coruña co viario do sector SUD-1.

Esta plataforma loxística enmárcase na estratexia deseñada polo Concello de Santiago, articulada en distintas fases, para establecer un novo modelo de distribución de mercadorías, nun primeiro momento aplicable ao ámbito da zona vella, pero susceptible de ser estendido posteriormente a outras zonas da cidade.

Todas as medidas propostas nesta liña de axudas a municipios do "Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia" están encamiñadas á redución de Gases de Efecto Invernadoiro causantes do cambio climático, promovendo o cambio modal, minimizando o transporte privado e potenciando o transporte colectivo e a disuasión de utilización de vehículos privados e máis contaminantes, impulsando a contribución ao cumprimento das estratexias, plans e programas tanto a nivel nacional como internacional en relación á redución das emisións de GEI. Isto contribúe ao cumprimento do obxectivo de redución dun 40% en 2030 das emisións (con respecto a 1990) de gases de efecto invernadoiro incluídos no actual Marco de actuación en materia de clima e enerxía da Unión Europea.

Documentos relacionados



Compartir: