XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno local aproba a licitación do Servizo da oficina técnica do proxecto Smartiago

24/02/2022 A Xunta de Goberno local, reunida en sesión extraordinaria, aprobou hoxe a licitación do "Servizo de oficina técnica do proxecto Smartiago" e acordou abrir o procedemento de adxudicación correspondente, establecendo un tipo de licitación de 132.439,19 euros, IVE engadido.

O proxecto Smartiago é xa un caso exitoso de Compra Pública de Innovación, que supón o establecemento das bases para a construción dunha cidade intelixente sobre os criterios de eficiencia, adaptabilidade e replicabilidade.

Con Smartiago, o Concello e a cidade de Santiago pretenden obter, despois do desenvolvemento das tecnoloxías que se leven a cabo, un conxunto de solucións tecnolóxicas innovadoras no ámbito das cidades intelixentes, encamiñadas a converter a Santiago de Compostela na primeira iniciativa que busca eficiencia, máxima aplicabilidade e adaptación da I+D ás problemáticas das Cidades Patrimonio, de xeito que os resultados sexan altamente escalables, eficientes e replicables noutras cidades ou contornas nas que o patrimonio histórico sexa un atributo distintivo.

Cofinanciamento FEDER

O proxecto Smartiago desenvólvese en virtude a un convenio de colaboración da Línea FID (Fomento de la Innovación desde la Demanda) entre o Ministerio de Ciencia e Innovación e o Concello de Santiago e está financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020.

Tamén está cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) nun 10%.



Compartir: