OBRAS

Rematan as obras do aparcadoiro da Altiboia, que contará con cen prazas de estacionamento

22/02/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, supervisou hoxe o remate das obras do aparcadoiro da Altiboia, dotado con 100 prazas de aparcamento, 66 normais, 30 reservadas para residentes e 4 para persoas con algún tipo de discapacidade.

Segundo explicou o rexedor, que estivo acompañado polos concelleiros de Urbanismo, Mercedes Rosón, e de Barrios e Obras, estase pintando e colocando a sinalización para que poder abrilo, previsiblemente, a finais desta semana.

As obras adxudicáronse en Xunta de Goberno o pasado doce de xullo, a través do contrato denominado "Execución das obras do proxecto de acondicionamento de aparcadoiro na parcela RE-4 colindante coa Escola de Música e reurbanización da rúa Altiboia. Fase I", por un importe de 171.491,4 euros.

A actuación consistiu no acondicionamiento de parte da parcela de titularidade municipal, algo máis de 3.300 metros cadrados, para adaptala a un aparcadoiro en superficie. Achairouse a superficie e botóuselle un acabado de formigón que absorve a auga da choiva. Tamén se procedeu á recollida de pluviais e colocouse alumeado. O aparcadoiro ten acceso a dúas rúas, á Altiboia e a Rodríguez de Viguri.

Compartir: