XUNTA DE GOBERNO

Aprobadas as bases do "XV Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados"

21/02/2022 A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe as bases do "XV Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados", que convoca o departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela coa editorial Kalandraka. O premio está dotado con 9.000 euros. Esta convocatoria ten como finalidade fomentar a produción artística e literaria destinada ao público infantil e xuvenil.

Poderán optar a este premio todas as obras que se poidan incluír na categoría de álbum ilustrado: un libro no que o relato se conta a través de imaxes, ou de imaxes e textos, de tal maneira que ambos os dous se complementen. As obras poderán ser presentadas en calquera das linguas oficiais da península Ibérica e deberán ser orixinais e inéditas. Non se admitirán aquelas que sexan adaptación doutros orixinais ou as obras que fosen premiadas noutros concursos. Tampouco se admitirán as obras que teñan máis de tres ilustracións publicadas en Internet.

Poderán participar unha ou varias persoas, autores e autoras de texto e ilustración de calquera nacionalidade. Quedan excluídos os gañadores e gañadoras das anteriores edicións e persoas traballadoras e extraballadoras da editorial Kalandraka.

Os traballos serán remitidos ou entregados no Rexistro Xeral do Concello de Santiago de Compostela (rúa do Presidente Salvador Allende núm. 4, 15705 Santiago de Compostela. A Coruña. España). No sobre especificarase obrigatoriamente «XV Premio Internacional Compostela para álbums Ilustrados».

O prazo de presentación de orixinais ábrese coa publicación destas bases no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e remata o 13 de maio de 2022.

Establécese un único premio, dotado de 9.000 euros. A dotación está suxeita ás retencións que, de ser o caso, procedan. O importe do premio non se fará efectivo ata que os autores ou autoras entreguen a obra rematada para a súa publicación. A obra premiada será publicada en todas as linguas oficiais peninsulares (galego, catalán, éuscaro, castelán e portugués) pola editorial Kalandraka no mes de novembro do ano 2022.

Documentos relacionados



Compartir: