XUNTA DE GOBERNO

O Concello remitirá á Consellería de Medio Ambiente a solicitude de inicio do procedemento de avaliación ambiental da parcela na que construirá a plataforma loxística de Mallou

21/02/2022 O Concello de Santiago remitirá á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, a solicitude de inicio do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada do "Plan especial de infraestruturas e dotacións na parcela de equipamento IA-8" para a implantación da plataforma loxística de Mallou, formulado de oficio polo Concello. Foi un dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno Local, dos que informou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo. A parcela, localizada en Meixonfrío, conta con 12.000 metros cadrados de superficie.

A solicitude achegarase xunto ao "Documento ambiental estratéxico" e ao borrador do plan. Segundo explica o borrador do plan, a parcela IA-8 está incluída neste sector coa cualificación de sistema xeral de equipamento. O documento define catro zonas de ordenación que organizan funcionalmente a parcela:

- Área de movemento da edificación (AME), no centro da parcela. Será, segundo explicou o alcalde, unha zona de carga e descarga, cunha nave central.
- Espazos libres da parcela (ELP), arredor da área da AME, destinada á circulación, manobra e estacionamento de vehículos.
- Itinerario peonil/reserva viaria (IP-RV), que ten por obxecto permitir no futuro o enlace desde a Av. Do Cruceiro da Coruña co viario do sector SUD-1.
- Itinerario peonil/área de amortecemento (IP-AA). Establécese unha franxa arborada de protección ou amortecemento, situada no borde oeste do ámbito, en contacto coas parcelas das edificacións que dan fronte á rúa de Mallou e a Avenida do Cruceiro da Coruña co viario do sector SUD-1.

O goberno municipal aprobou, ademais, a delimitación dun novo ámbito de aparcamento para residentes da zona 6 de Sar, na parcela alugada polo Concello á Asociación Folklórica Colexiata de Sar, ó carón dos terreos do campo de fútbol das Brañas de Sar. Nesa zona habilitaranse unhas 30 prazas de aparcamento, e suprimiranse as existentes na vía que dá acceso a dita parcela.

Tamén se deu luz verde as actuacións de mantemento na "Plataforma da Avenida Xoán XXIII". O proxecto contempla unha serie de actuacións sobre os pavimentos, paramentos, vidros e perfilería da marquesiña peonil, cerraxería e mobiliario urbano na plataforma, de cara a mellorar e/ou preservar o actual estado de conservación. Segundo explicou o alcalde, iníciase así o procedemento de licitación, cun orzamento previsto de gasto de 216.000 euros. Unha parte, segundo informou o rexedor, "queda pendente e resolverase máis adiante", en canto reciba o visto bo da Comisión Asesora do Patrimonio Histórico.

A maiores, aprobouse a licitación do proxecto de "Actuacións de mellora no pavimento de varios viais no Polígono do Tambre". As actuacións previstas consisten na mellora do vial mediante o fresado da capa de rodaxe que se atopa en mal estado e a posterior aplicación de 5 cm de mestura bituminosa, realizándose o saneo do firme nas zonas máis deterioradas. Finalmente procederase a pintar os viais obxecto da actuación. O prezo de adxudicación sería de 120.000 euros e o prazo de execución de 2 meses.

Contratación

En materia de contratación, adxudicouse o contrato de "Subministración dunha rede de telecomunicacións e mobilidade para a solución de administración electrónica do Concello de Santiago de Compostela", á empresa Acuntia SAU, por un importe total de 197.681,41 euros. Esta actuación forma parte da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado do Concello de Santiago (EDUSI Santiago) cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 nun 80% sendo o 20% restante con cargo a dotación económica municipal.
Tamén se aprobou abrir o procedemento de licitación do expediente "Subministración de combustible líquido, pago de peaxes, de autoestradas, subministración de material de mantemento básico (aditivo AdBlue e lubricante) dos vehículos do parque móbil do Concello de Santiago de Compostela", e autorizar un gasto total por importe de 192.793,60 euros.

Por outra banda, autorizouse o inicio de trámites para proceder a recepción das obras do proxecto básico e de execución do espazo cuberto de usos múltiples para o barrio de Sta. Marta-Choupana. E o inicio dos trámites para a recepción das obras de acondicionamento do aparcadoiro na parcela RE-4 colindante coa escola de música e reurbanización da rúa Altiboia. Fase I.

Licenzas

No apartado de licenzas, a Xunta de Goberno Local acordou conceder ao Hotel Peregrino, de 291 prazas, licenza de obras de reforma, que contan cun orzamento material de 1.700.000 euros. Tamén se concenden ás Comunidade de Propietarios dos edificios número 5 da rúa Celso Emilio Ferreiro; e o número 4 da rúa García Lorca, sendas licenzas para a instalación dun ascensor en cada un dos inmobles.

Por outra banda, deuse luz verde á licenza solicitada por Vegonsa SL, para un aparcadoiro na Rúa Castela e León, número 41. S.L. As obras consisten na adecuación de parcela para 73 prazas de aparcamento, e contan cun orzamento de execución material de 225.208 euros.

Compartir: