ECONOMÍA E FACENDA

Os Orzamentos de 2022 contemplan unha partida para obras, no capítulo VI de investimentos, de 13,6 millóns de euros

20/02/2022 O capítulo VI de investimentos do Orzamento do Concello de Santiago para o ano 2022 ascende a 16.833.034,39 euros. O groso desta partida, mais de 13,6 millóns de euros (sobre un 80,79%) destinarase a obras repartidas entre distintas concellarías, entre as que destacan Medio Rural, Barrios e Obras, e Contratación.

A concelleira de Economía, Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración local, Marta Abal, "destaca o importante incremento do investimento destinado a Medio Rural, un 56,02% pasando de 2.438.336,35 euros no ano 2021 a 3.804.378.14 euros en 2022". Desta cantidade, 1.372.826,71 euros proceden do Plan Provincial de Obras e o resto proceden de recursos propios do Concello de Santiago.

Entre as actuacións no ámbito rural financiadas íntegramente con recursos propios do Concello destacar o 1 millón de euros para obras de rehabilitación de firmes, os 841.309,48 para actuacións de saneamento e abastecemento, os 250.000 euros para á reurbanización de Meixonfrío; e 120.000 euros para a redacción de distintos proxectos.

Os fondos procedentes da deputación, a través do POS, destinaranse á pavimentación de viarios nas zonas Villestro, Laraño, Sabugueira, Verdía, Marantes, A Gracia, Marrozos, A Curuxeira e Aríns, ó acondicionamento de sendas peonís, e á ao Parque infantil e pista multideporte no parque do SUNP-25 de Roxos.

Barrios e Obras
O capítulo VI destina á concellaría de Centros Socioculturais, Barrios e Obras, un orzamento de 4.780.279,640 euros.

Destacan as partidas para o "Proxecto básico e de execución de mellora de infraestruturas Polígono de Vite. Fase 1. Rúa García Lorca", de 750.000 euros; a reurbanización de Mallou, 350.000 euros; a reurbanización da rúa do Pombal, á que se destinan 450.000 euros; a reurbanización do tramo pendente de Castrón Douro, con 420.000 euros; a reurbanización da Avenida de Vilagarcía, con 125.291,75 euros; a reurbanización da ruela das Salvadas, que conta cunha partida de 300.000 euros. Para o "Plan de accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas", 300.000 euros; e para actuacións sobre fontes e lavadoiros históricos do concello, outros 52.400 euros. Así mesmo, tamén se prevé 1.000.000 de euros para a rehabilitación de firmes en vías urbanas. Á redacción dos distintos proxectos destínanse 200.000 euros.

Destacan tamén 252.583,50 euros para actuación urxentes de saneamento e abastecemento na Fervenza, en Vázquez Cacharrón e en Carlos Maside.

Aínda no apartado de obras e mantemento, hai unha partida de 50.000 euros para a compra de mobiliario urbano.

Contratación
A concellaría de Economía, Facenda, Persoa, Contratación e Modernización da Administración Local conta cunha partida, neste capítulo VI, de 2.277.037,54 euros. Case 300.000 son para equipamento informática, transformación dixital e modernización da administración local. Polo que respecta a contratación, destacan os 911.740,11 euros para a mellora da accesibilidade a edificios de uso residencial encadrados na denominada "Ordenanza 9" do PXOM, os 308.519,40 euros previstos para a "Rede de Itinerarios sostibles para a redución da pegada de carbono; ou os 233.609,78 euros contemplados para a mellora do barrio de Pontepedriña. A maiores, tamén se contempla unha partida de 36.526,93 euros para o concluír o acceso ao xacemento arqueolóxico do Castelo da Rocha Forte.

En canto os orzamentos participativos, contan cunha achega de 247.534,70 euros e adicarnase á actuacións de accesibilidade.

Medio Ambiente e Parques e Xardíns
Para a concellaría de Políticas Sociais, Saúde, Medio Ambiente e Parques e Xardíns,o capítulo VI do orzamento contempla 1.105.085,940 euros. Destes, 1.068.252,610 euros destinaríanse a melloras de zonas verdes e aparcamentos, parques biosaúdables, áreas de xogo, ou substitución de mobiliario en zonas verdes.

Educación
O capítulo VI destina a Educación unha partida de 695.500 euros. Desta cantidade, destacan 150.000 euros para mellorar a accesibilidade nos CEIPS, 45.000 euros para a cuberta da escola infantil de Tras Parlamento; e 420.000 euros para a renovación da cuberta do pavillón Quiroga Palacios.

Deportes
Para a concellaría de Deportes, o capítulo VI contempla unha partida de 1.000.000 de euros: 50.000 para o acondicionamento pistas de tenis en Rodríguez de Viguri; 600.0000 para a renovación da pista de atletismo do Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro e o acondicionamento de novos espazos deportivos complementarios; 250.000 euros para a pista e as canastras do pavillón municipal de Pío XII; e outros 100.000 euros para a reforma de varias instalacións deportivas.

Compartir: