MEDIO RURAL

O Concello construirá unha pista multideporte e un parque infantil en Roxos con cargo ao POS+ 2022

19/02/2022 A Xunta de Goberno Local do pasado venres 11 de febreiro aprobou a participación do Concello no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concellos) "POS+ 2022" da Deputación Provincial da Coruña.

Entre as actuacións incluídas atópase a creación dunha "pista multideporte e parque infantil na zona verde do SUNP-25 Roxos-Quintáns", na parroquia de Villestro, por un importe de 150.000 €. O investimento vén dado pola poboación de nenos e nenas menores de dez anos coa que conta o grupo de parroquias formado por Figueiras, Villestro e Laraño, que ronda os cincocentos.

A localización do novo equipamento está prevista na zona verde do desenvolvemento urbanístico do polígono SUNP-25 Roxos-Quintáns situado entre a rúa da Barrosa e a rúa do Nabal, no lugar de Roxos. Dotarase ao mesmo dos seguintes elementos: pista deportiva multiúsos de 19,40×9,95 metros (fútbol, baloncesto, balonmán, etc.), parque infantil dotado de randeeira, carrusel, xogo de resorte e elemento multixogos e zona biosaudable con temón, volante, xiro cintura, esquí de fondo, randeeira e surf, complementados con fonte bebedeiro e bancos.

Senda peonil na rúa das Estrelas
Tamén con cargo ao "POS+ 2022" se executará unha senda peonil na rúa das Estrelas, na parroquia de Aríns, por un importe de 126.172,99 €. A actuación prevé a conectividade entre o Estadio Verónica Boquete en San Lázaro e o Monte do Gozo e dará continuidade á senda construída na rúa de San Martiño, que conecta a parroquia de Aríns coa cidade de Compostela e os accesos ao parque do Monte do Viso.

Ao longo de toda a actuación executarase unha senda peonil mediante 15 centímetros de balastro estabilizado no ancho da explanación existente cun bordo de formigón no exterior da senda previa escavación en caixa.

POS+ 2022
As actuacións que levará a cabo o Concello no marco do "POS+ 2022" da Deputación da Coruña supoñen un total de 800.467,75 euros destinados á realización de catro sendas e á construción dun parque infantil e unha pista polideportiva. Esta achega complétase co Plan Complementario do POS: preto de 443.000 euros para tres obras de pavimentación. A estes investimentos, todos eles no rural, en concreto nas parroquias de Villestro, Laraño, A Peregrina, Bando, A Gracia e Aríns, súmase 1.800.000 euros do orzamento municipal que se destinará á mellora de viarios e obras de saneamento tamén no ámbito rural.

Compartir: