POLÍTICAS DE IGUALDADE

O Concello de Santiago recoñecerá, cunha homenaxe o 8 de marzo, o labor a prol da igualdade de distintas mulleres e colectivos da nosa cidade

19/02/2022 O Concello de Santiago vai homenaxear, o 8 de marzo, a varias mulleres e colectivos que forman parte da historia viva da cidade; e que se distinguen polo seu labor a prol da igualdade. O acto, que se desenvolverá baixo o lema "Mulleres de Compostela", terá lugar na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, o luns, 7 de marzo, ás 19:00 h.; e recoñece a traxectoria profesional e vital de distintas mulleres que día a día contribúen a construír unha cidade máis igualitaria, máis social e máis humana.

Nesta homenaxe, organizada polo concello de Santiago de Compostela, recoñécese o labor das 140 mulleres do Servizo de Atención no Fogar; o SAF, "un servizo excepcional", segundo a concelleira de Políticas de Igualdade, Mercedes Rosón, que "sempre, pero en especial durante a pandemia, contribuiu e contribúe a mellorar a vida da veciñanza".

Tamén se van recordar os 30 anos de traxectoria da concellaría de Igualdade, que se cumpriron a finais do ano 2021, cunha homenaxe ao CIM, o Centro de Atención á Muller de Santiago de Compostela, e "in memoriam" a Esther Hermida a primeira avogada que prestou servizos na Oficina da Muller.

Tamén se homenaxeará a Marilar Aleixandre, escritora, traductora, bióloga e catedrática da USC; a Luz Fandiño, poeta e activista social nacida no barrio do Sar; a Jose Castro, artesá e Premio Nacional de Artesanía; a María de la Fuente, licenciada en Farmacia pola USC, investigadora e co-fundadora da empresa Diversa Technologies; a Sara Santos, empresaria de hostalería; a Cleo Martínez Ronda, da asociación Vagalume; a María Deus, veciña de Busto en representación de todas as mulleres do rural; a Rosa Cerqueiro, psicóloga clínica do Sergas (Servizo Galego de Saúde); a Hermitas Silva, perruqueira do barrio de San Roque; e a Ruth Lorenzo, subcampioa de España de Karate.

Compartir: