PROMOCIÓN ECONÓMICA

A análise do Consello Económico e Social revela que un de cada cinco empregos do ámbito cultural galego se atopa en Santiago

18/02/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, presentou en rolda de prensa algunhas das conclusións obtidas polos grupos de traballo do Consello Económico e Social, que celebrou xuntanza o pasado luns, 14 de febreiro. Nese encontro deuse conta do documento de "Actualización da análise da evolución da situación socioeconómica de Santiago de Compostela" e da "Análise e diagnose da Axenda Urbana de Santiago".

Ao respecto do primeiro dos documentos sinalados, o rexedor compostelán quixo salientar tres datos: en primeiro lugar, o peso da mobilidade en Santiago, que sobresae con respecto ao resto de cidades; feito diferencial contrastado coa información dos estudos realizados a partir da telefonía móbil e dos datos do INE. Por suposto o impacto é diferente en dia laboral que os domingos e tamén diferente en función do distrito. Recolle o documento que a media trimestral de persoas equivalentes a tempo completo que pasan o día no concello supera nun 21,7% á poboación residente, é dicir, en media o incremento da poboación diaria en Santiago é de máis de 20.000 persoas equivalentes (que significa que pasan todo o día en Santiago de Compostela).

En segundo lugar, salienta os datos relativos á evolución do desemprego. Sánchez Bugallo fixo fincapé en que "Santiago é a cidade onde se conseguiu a maior redución do paro". Indica o informe que a evolución do mercado laboral no último ano foi positiva e alcanzouse no cuarto trimestre de 2021 a taxa de paro máis baixa dende que se conta con información desagregada (terceiro trimestre de 2009). A evolución da afiliación (por residencia e por centro de cotización) confirma a evolución positiva.

Por último, o rexedor fixo fincapé nos datos relativos a emprego cultural, que revelan que 1 de cada 5 empregos do ámbito da cultura en Galicia se atopan en Santiago, o concello que máis gasto destina por habitante e ano do seu orzamento municipal a actividades e fomento cultural. "Máis de 100 euros por habitante e ano, en concreto 105,7", sinalou o rexedor.

Análise e diagnose da Axenda Urbana de Santiago
O pasado luns entregouse ás persoas integrantes do Consello Económico e Social o documento base de "Análise e diagnose da Axenda Urbana de Santiago", elaborado coa participación do persoal municipal do Concello e que permitiu a compilación da información precisa para iniciar o proceso de elaboración da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela, concibida como "ferramenta de planificación estratéxica e de gobernanza do noso Concello, que contribuirá á implantación da Axenda Urbana Española, e que evidencia o noso compromiso institucional tanto coa propia Axenda Urbana Española, como coa Axenda urbana Europeo e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030", sinalou o rexedor.

A análise e diagnose da situación do municipio abordouse en relación a cada un dos dez obxectivos estratéxicos especificados na Axenda Urbana Española, que á súa vez están aliñados coa nova Axenda Urbana Internacional e os ODS.
Por cada un deste obxectivos estratéxicos estableceuse un ámbito de análise e diagnose, que permite evidenciar os principais retos e desafíos aos que se enfronta o concello e a partir dos que se deseñará a estratexia municipal, a súa visión, obxectivos estratéxicos, específicos e liñas de acción en consonancia coa Axenda Urbana Española.

Comeza agora no marco deste proxecto a fase de elaboración do Plan Estratéxico de Acción Local (PEAL) na que se contará coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela que asumirá a dirección executiva desta fase do proceso a través da profesora e doutora en Economía María Cadaval, que traballará co catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, Santiago Lago.

Compartir: