MEDIO AMBIENTE

O Concello leva plantados máis de 5.000 carballos no marco da campaña #1Voto1Árbore

18/02/2022 En paralelo áo proceso de votación no que o Carballo de Conxo está a competir polo título de Árbore Europea de 2022, o Concello de Santiago lanzou a campaña #1voto1árbore coa que pretende reforestar os espazos naturais de Santiago, unha iniciativa que conta coa implicación de diferentes colectivos da cidade como empresas, institutos ou colexios. Nesta ocasión foi o Grupo Albia quen participou nunha plantación que prevé a incorporación de máis de 800 carballos na zona do Polígono do Tambre.

O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; a concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, e o director de Desenvolvemento, Grandes Contas, Marketing e Comunicación de Grupo Albia, Carlos Gallego Gómez, asistiron esta mañá no Polígono Industrial do Tambre á plantación dos primeros carballos dun total de 800 que serán sementados nesta área de 1,6 hectáreas. Este acto, que virá seguido de novas plantacións ao longo das próximas semanas, enmárcase na campaña #1voto1árbore, impulsada polo Concello para a promoción da candidatura do Carballo do Bosque do Banquete de Conxo ao certame "Tree of the Year".

En palabras do alcalde Xosé S. Bugallo: "A candidatura do Carballo de Conxo é unha oportunidade moi importante para recuperar unha parte da nosa historia e tomar coñecemento do enorme patrimonio que temos en materia ecolóxica. Grazas ao compromiso do Concello de Santiago e ao apoio de diferentes colectivos da cidade plantamos xa 5.000 árbores autóctonas en varias zonas de Santiago, con previsión de chegar aos 19.000 este ano e aos 100.000 en 2030".

Pola súa banda, Carlos Gallego, destacou o compromiso de Grupo Albia coa sustentabilidade e a educación ambiental na rexión galega: "Ademais de poñer o foco na atención ás familias nos momentos máis difíciles das súas vidas, a nosa aposta polo coidado do medioambiente converteuse nun eixo prioritario nas diferentes rexións nas que operamos. Con este novo Bosque Albia, que se une a outras múltiples accións de concienciación que levamos a cabo en Galicia, pretendemos axudar á purificación da contorna e a reducir o impacto ambiental".

#1Voto1Árbore

No marco da campaña #VotaCarballo, o Concello de Santiago está levando a cabo unha serie de iniciativas co obxectivo de pór en valor e incrementar os espazos naturais cos que xa conta a capital de Galicia, contando coa implicación de colexios, institutos, empresas…

Deste xeito, ademáis de promover a votación do "Avó", os colectivos implicados contribuen tamén á campaña #1Voto1Árbore pola que o Concello se compromete a plantar unha nova especie autóctona por cada voto que reciba a candidatura, o que suporía a plantación de 100.000 árbores de aquí a 2030, de chegar a eses votos, máis de 19.000 só no 2022.

Así, a través da iniciativa #1Cole1Bosque, nenos e nenas de Santiago participarán ao longo de todo o mes na plantación de futuros bosques que levarán o nome dos centros escolares. O obxectivo é o de contribuír na sustentabilidade do municipio e na mellora da calidade do aire mentres se apoia a candidatura ao Carballo de Conxo.

Votación aberta ata o 28 de febreiro

A votación para apoiar o Carballo de Conxo está aberta ata o último día deste mes. Para votar cómpre facer o seguinte:

1. Accede á ligazón para ir á páxina do concurso.

2. Para poder votar, debes seleccionar DÚAS ÁRBORES. Que unha sexa o Carballo do Banquete, e outra que che guste (das candidatas que teñan menos votos, claro).

3. Click sobre "¡Vamos a votar!", onde debes introducir o teu email e confirmar polo menos a súa política de protección de datos.

4. Verificar o email, pulsando sobre a ligazón que che envían para que o voto sexa válido.

5. Xa está! Agora, podes repetir o proceso con outro email ;)

O Carballo de Conxo ten unha gran historia

Este histórico carballo naceu coa Ilustración. Foi testemuña en 1856 do Banquete Democrático de Conxo, acto revolucionario que reivindicou os ideais da nova Europa: Liberdade, Igualdade e Fraternidade.

Foi defendido por Rosalía de Castro nunha denuncia ecolóxica pioneira en España. O bosque que o acolle, ao pé do Camiño Portugués de peregrinación, é hoxe todo un cofre botánico, aberto ao público en 2018 cunha gran festa popular tras permanecer inaccesible durante máis dun século.

Compartir: