MOBILIDADE E SEGURIDADE CIDADÁ

O Departamento de Educación Viaria da Policía Local leva as campañas "Ti controlas, ti decides" e "Asegura a túa vida" ás aulas dos institutos

17/02/2022 "Ti controlas, ti decides" e "Asegura a túa vida" son os lemas das campañas que o Departamento de Educación Viaria da Policía Local está levando ás aulas de 1º de Bacharelato e 3º da ESO dos institutos da cidade durante os meses de xaneiro e febreiro. Estas actividades están deseñadas especificamente para estes mozos e mozas, próximos á idade de obtención do carné de conducir, co fin de proporcionarlles información de primeira man sobre as causas polas que se producen os accidentes de tráfico, os factores que interveñen e as súas consecuencias.

A Policía Local pretende con estas iniciativas dar a coñecer entre a mocidade a realidade dos accidentes de tráfico nas estradas españolas, as principais causas polas que se producen, e as consecuencias que conlevan, tanto persoais, sociais, e tamén económicas. O propósito último é que colexios e institutos se impliquen co obxectivo de cero falecidos por accidente de tráfico.

Mediante esta actividade, os máis novos toman conciencia do que, como condutores, poden facer para que se reduza o número de falecidos na estrada. Por exemplo, preténdese sensibilizalos sobre a utilización do cinto de seguridade, para que o perciban como un elemento que salva vidas, e non como como un instrumento para evitar unha multa.

Outra das condutas que se fomentan é o uso do casco en moto, ciclomotor ou bicicleta. Tamén se abordan o uso do teléfono móbil ao voante como unha das distraccións máis relevantes para a accidentalidade, ou a incompatibilidade do alcohol e as drogas coa condución.

Testemuños reais

Durante as sesións, que teñen unha duración aproximada de 120 minutos, o alumnado pode ver como as conductas de risco poden derivar nun accidente de tráfico que pode acabar coa vida de conductores, pasaxeiros, ou peóns ou levar oa cárcere o seu autor, condicionando de xeito moi importante a súa vida.

Para isto, utilízanse testemuños reais de persoas que se atopan en prisión tras ter sufrido un accidente cando conducían baixo os efectos do alcohol con consecuencias mortais, e doutras que, polo mesmo motivo, se atopan en cadeira de rodas.

Compartir: