PLENO

O Pleno aproba o orzamento xeral do Concello de Santiago para 2022, que ascende a 130 millóns de euros

15/02/2022 O Pleno da Corporación aprobou hoxe inicialmente o proxecto de "Orzamento Xeral do Concello de Santiago de Compostela e o seu anexo de persoal para o exercicio 2022", que ascende a 129.829.373,12 euros. O único punto da orde do día contou cos votos a favor do grupo municipal socialista, coa abstención de BNG e CA, e co voto en contra do grupo municipal popular.

O orzamento ascende a 129.829.373,12 euros en ingresos e gastos, cun incremento do 3,85% respecto do orzamento do ano 2021. Atendendo ao dato consolidado co Auditorio de Galicia e as empresas municipais TUSSA e INCOLSA, o importe ascende á contía de 133.213.941,88 euros en ingresos, e de 133.118.642,89 euros en gastos. "Un orzamento ambicioso e sensato, á altura das necesidades da capital de Galicia", sinalou a a concelleira de Economía e Facenda, Marta Abal.

Deste orzamento, Marta Abal destaca a consolidación das políticas sociais, que se incrementan nun 24,02% na partida do contrato do SAF, o Servizo de Axuda no Fogar, que pasa dos 2.967.273,29 euros de 2021 aos 3.680.048,080 euros deste 2022. Outro aumento "importante", segundo a concelleira, é o dos programas relativos á muller, que se incrementan un 54,66%; os de mocidade, cunha partida que sube un 15,08%; e os de fomento do emprego, que se incrementan un 34,88% máis.

A concelleira de Facenda tamén destacou a aposta pola prestación "duns servizos públicos de calidade". No proxecto de orzamento do ano 2022 esta área de gasto é a que experimenta o maior incremento porcentual respecto do ano 2021, un 14,64% máis pasando de 47.937.589,53 euros a 54.955.033,17 euros. Entre as subidas, a concelleira resalta "o forte incremento que experimenta o programa relativo ao abastecemento domiciliario de auga potable. Un 119,51% mais respecto do previsto no orzamento do ano 2021".

Tamén considera importante o mantemento da cidade. "Os programas de gastos vinculados á pavimentación de vías públicas e á actuacións integrais en vías públicas, experimenta un incremento do 56,82% e do 51,27%, respectivamente", subliña. Outra das apostas céntrase no rural, cun aumento do nun 56,02% no capítulo de investimentos. Pasa de 2.438.336,35 euros no ano 2021 a 3.810.378,14 euros no ano 2022, dos cales se 1.372.826,71 euros corresponden a fondos da Deputación Provincial, concedidos ao amparo do Plan Provincial Adicional 2021 e do Plan Provincial do 2022. O outro 63,91 %, isto é 2.431.551,43 euros, proceden da aportación directa municipal.

O programa de gasto vinculado ao comercio experimenta tamén un notable crecemento, dun 85,83%, "sen dúbida resultado da aposta polo fomento do consumo no comercio e na hostalería local" segundo indicou Marta Abal.

En canto ao programa de gasto vinculado á promoción turística, experimenta un incremento do 7,20% respecto do ano 2021 pasando de 3.403.000,00 euros a 3.648.000,00 euros. E tamén aumenta o gasto destinado a Educación, destacando as partidas de escolas infantís de xestión municipal, que aumenta un 23,51%, pasando de 1.022.598,48 euros a 1.262.985 euros; e a do servizo de comedores escolares, que se incrementa un 35,83%, pasando de 1.044.850 euros no ano 2021 a 1.419.173,76 euros no ano 2022.

Compartir: