URBANISMO E CIDADE HISTÓRICA

O castelo da Rocha Forte, primeiro BIC de titularidade municipal do Concello de Santiago

15/02/2022 O DOG publica hoxe a resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural pola que se acorda a inscrición do denominado castelo da Rocha Forte no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia. O castelo da Rocha Forte convértese así no primeiro BIC de titularidade municipal. Unha distinción solicitada polo Concello de Santiago, impulsor desta iniciativa, co obxectivo de pór en valor unha fortaleza de gran importancia estratéxica e histórica.

A consecución desta distinción foi posible grazas ao elaborado documento redactado polos servizos de arqueoloxía do Concello de Santiago, e presentado xunto a solicitude para a súa inclusión no rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

Segundo publica o DOG, o castelo da Rocha Forte situado no lugar da Rocha Vella na parroquia de Santa María de Conxo, é unha estrutura defensiva da tipoloxía de castelo, de orixe medieval. Hai noticias da súa existencia cara a mediados do século XIII, cunha época inicial de grande esplendor e funcións de relevancia no control territorial do suroeste da cidade. O lugar foi obxecto de loitas entre o poder municipal e o arcebispal e escenario de revoltas irmandiñas no século XV e sufriu destrucións e reconstrucións diversas.

A dimensión e a complexidade das estruturas do castelo, a perda do seu valor estratéxico e o seu abandono, así como a construción de diferentes infraestruturas posteriores, produciron a case total perda da súa presenza física ata as campañas de investigación e escavación arqueolóxica iniciadas en 2003.

O Castelo da Rocha Forte presenta importantes valores culturais entre os cales destacan o arquitectónico, arqueolóxico, científico e histórico, e que polas súas dimensións, a complexidade das estruturas que conserva e vinculación a acontecementos históricos relevantes, especialmente entre os períodos do século XIII ao XV, representa un dos mellores exemplos de fortalezas defensivas e de control territorial de Galicia e confírelle unha categoría sobranceira no patrimonio cultural galego.

O inmoble forma parte do catálogo de xacementos arqueolóxicos coa clave GA15078061, como asentamento fortificado de época medieval, e na actualidade forma parte do Catálogo do patrimonio cultural de Galicia en virtude do artigo 30 e a disposición adicional primeira da LPCG, ao estar singularmente identificado polo seu valor cultural nos vixentes Plan xeral de ordenación municipal de Santiago de Compostela, Plan especial de protección do patrimonio construído de interese cultural no termo municipal de Santiago de Compostela, e no Plan especial de protección e acondicionamento do Parque arqueolóxico da Rocha.

O castelo da Rocha Forte conta, por tanto, cunha identificación precisa e unha delimitación concreta das súas estruturas, responde á adscrición tipolóxica de castelo ou asentamento fortificado de época medieval e estrutura de defensa e control do territorio previa a 1849, e mantén, así mesmo, suficientes elementos e vestixios materiais para acreditalo.

En consecuencia, á vista da documentación achegada polo Concello de Santiago de Compostela e o informe técnico da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, ordénase a inscrición no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia do castelo da Rocha Forte, como ben inmoble, coa categoría de monumento. Ademais, segundo explica o texto do DOG, comunicarase esta resolución á Dirección Xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura e Deportes para os efectos da súa anotación no Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Descrición
A primeira mención documental coñecida da fortaleza «Rocha Fortem» aparece co arcebispo Juan Arias Suárez da familia Churruchao, no ano 1255 en relación coas súas Constitucións Capitulares. Nesta época o castelo acada un grande esplendor e actúa tanto como residencia arcebispal como no control militar e fiscal das entradas e saídas polo suroeste da cidade.

Con posterioridade, rexístrase a reconstrución realizada por Berenguel de Landoira despois das alteracións do século XIV, no primeiro enfrontamento entre o concello e o bispado, e no ano 1466 destrúese con ocasión da revolta irmandiña precedida no 1458 polo asalto ao castelo por parte da irmandade. Polo adiantado, a súa adscrición cronolóxica enmárcase entre os séculos XIII e XV.

O espazo principal do castelo ten unha planta cadrada, con catro torres circulares de cantaría nas esquinas, e unha superficie aproximada de 3.500 m2. A entrada ao oeste está reforzada con dous torreóns, e rodeando a muralla principal atópase a barbacá ou falsabraga, posiblemente construída no século XV. Este espazo principal conta con dúas murallas defensivas concéntricas e unha torre de homenaxe situada na súa posición central. Desta torre, con planta cuadrangular duns doce metros de lado, unicamente se conservan as pegadas das súas cimentacións escavadas sobre a rocha e os restos do lenzo noroeste.

A primeira muralla conta con dúas entradas. A principal está cara ao noroeste e trataríase dunha torre-porta de grandes dimensións, avanzada sobre un foso co fin de protexer unha ponte levadiza. Cara ao sur hai outra entrada, actualmente tapiada, dotada de escaleiras e onde tamén hai unha fonte. Ademais, esta primeira muralla presenta catro torres de planta circular nas súas esquinas e, cando menos, dúas de planta cuadrangular no tramo medio dos lenzos suroeste e sueste.

Cinguindo e ampliando este primeiro recinto aparece, rodeándoo a uns catro metros, unha segunda liña defensiva ou falsabraga que se adapta á planta da fortaleza ao longo do seu perímetro visible. Este segundo recinto podería estar construído nun momento avanzado da vida útil do castelo, quizais durante o século XV.

No interior do castelo foron localizados restos de diversas estancias (pavimentos, muros, nivelacións...), e mesmo restos de enterramentos. Destaca o achado de espazos soterrados como é unha escaleira monumental cara a unha poterna existente no lenzo suroeste relacionada co abastecemento de auga (fonte, acuíferos...) ou unhas escaleiras que baixan ata unha pequena sala abovedada nun espazo que parece corresponderse cunha seteira no reforzo oeste da barbacá. Os restos materiais recuperados son abundantes cerámicas (moitas de importación), moedas, restos arquitectónicos (capiteis, doelas, arquivoltas,...), metais (fibelas ou alfinetes)... que nos indican os diferentes usos do castelo como pazo arcebispal e nos falan do seu aspecto bélico; destaca tamén o achado de numerosos bolaños (proxectís pétreos) que nos informan do alcance do asedio e destrución sufrida polo castelo no século XV durante os ataques e asedios das guerras irmandiñas.

A realización de sucesivas campañas de investigación entre os anos 2003 e 2006, así como os diversos traballos de acondicionamento, escavación e consolidación, realizados no ano 2009 e continuados no ano 2013 promoveron o seu estudo e recuperación, e favoreceron a súa valoración e consideración.

Este labor continuouse coa aprobación, no ano 2015, do Plan especial de protección e acondicionamento do parque arqueolóxico da Rocha (PE-7R), ata a actualidade onde se desenvolven tarefas de limpeza e mantemento do xacemento, completadas coa realización das pertinentes obras contidas no Proxecto de execución de acondicionamento exterior do xacemento do Castelo da Rocha Forte no concello de Santiago de Compostela (A Coruña).

Así mesmo, no ano 2019 realízase unha prospección xeofísica, e nos anos 2020 e 2021 unha campaña de sondaxes e escavacións que permitiron identificar unha terceira liña de muralla con baluarte de acceso, fosos defensivos, así como outros restos relacionados co castelo na zona exterior, que amplían o coñecemento dos seus restos nunha extensión máis ampla e a súa monumentalidade.

Todas estas actuacións promoveron a mellora do estado deste ben e favoreceron o seu valor monumental para unha revalorización social, dado o bo estado de conservación das súas estruturas. A todo isto habería que unir o feito de que sexa un conxunto visitable, sinalizado e ben coñecido na comarca. Todos estes aspectos aludidos avalan o seu potencial como recurso científico, cultural e turístico de primeira magnitude.

Documentos relacionados



Compartir: