XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local aproba os prazos de reserva de prazas e presentación de solicitudes para as Escolas Infantís Municipais e para a Escola Municipal de Música

14/02/2022 A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe os prazos de reserva de prazas e presentación de solicitudes para o alumnado actual e os de novo ingreso das Escolas Infantís Muncipais de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños; e da Escola Municipal de Música. Dos acordos adoptados informou en rolda de prensa o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

O prazo de presentación de solicitudes do procedemento de reserva de praza e traslado do alumnado actual e dos traballadores e traballadoras das Escolas Infantís Municipais de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños, estará aberto entre os días 1 e 10 de marzo de 2022 (ambos os dous inclusive). O alumnado xa matriculado neste curso 2021-2022, ten dereito á renovación automática sempre que cumpran co requisito de empadroamento.

As solicitudes presentaranse segundo o modelo normalizado "Solicitude de reserva de praza nas escolas infantís municipais" ben por medios electrónicos ou de xeito presencial, solicitando cita previa, no Rexistro xeral do Concello de Santiago (Rúa Presidente Salvador Allende 4, Galeras) ou mediante calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

Unha vez rematado o período de presentación de solicitudes e revisadas as reservas de praza, o 15 de marzo procederase á comunicación pública na páxina web municipal e nos taboleiros de anuncios das Escolas Infantís Municipais, da lista de reservas e traslados e o número de prazas vacantes por unidades.

O prazo de presentación de solicitudes de novo ingreso será do 16 de marzo ao 16 de abril. As solicitudes de novo ingreso presentaranse segundo o modelo normalizado "Solicitude de ingreso en escolas infantís municipais" ben por medios electrónicos ou de xeito presencial, solicitando cita previa, no Rexistro xeral do Concello de Santiago (Rúa Presidente Salvador Allende 4, Galeras) ou mediante calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

Para os ingresos urxentes resérvase polo menos unha praza por cada grupo de idade (0-1, 1-2 e 2-3) en cada unha das Escolas Infantís Municipais. Para estes casos deberán presentarse as solicitudes de novo ingreso.

Escola Municipal de Música (EMM)

En canto aos procedementos e á apertura dos prazos de reserva de praza, solicitudes de admisión e matrícula na Escola Municipal de Música para o curso escolar 2022-2023, tamén se distingue entre renovación de praza e alumnado de novo ingreso.

Renovación de praza e matrícula no curso escolar 2022-2023 (alumnado actual do centro):

Alumnado de iniciación musical II (2º de Educación Primaria):

- Publicación das prazas extraordinarias de instrumento: 21 de marzo
- Presincripción: do 21 ao 25 de marzo
- Sorteo público interno: 7 de abril

Alumnado de música e movemento, PEX (Plan Educativo Xeral) e PEPA (Plan Educativo para Persoas Adultas):

- Renovación de praza: do 25 de abril ao 5 de maio
- Exposición pública de prazas vacantes da 1ª convocatoria: 12 de maio

Na páxina web da EMM e na web do Concello de Santiago exporase a acta do sorteo e as listaxes coa data e hora para elixir horario. Dita información tamén será remitida por correo electrónico ao alumnado e familias.

Durante a elección de horario, que se realizará a través da plataforma zoom, confirmaranse os datos do alumno ou alumna e remitirase a través de correo electrónico para que poida ser cuberto e asinado o correspondente impreso de matrícula, así como a actualización da ficha médica, a autorización de dereitos de imaxe de cada alumno ou alumna, título de familia numerosa (a quen corresponda) e a autorización de saída do centro dos menores de idade e demais documentación referente á aceptación das medidas de prevención asumidas durante a pandemia.

Solicitudes de novo alumnado

- Periodo de preinscripción: do 13 de maio ao 10 de xuño
- No caso de haber máis solicitudes que prazas realizarase un sorteo público o 20 de xuño
- Exposición pública das listas provisionais de admitidos na primeira convocatoria: a partir do 21 de xuño
- Período de reclamacións: 10 días naturais dende a publicación de admitidos provisionais
- Exposición pública da relación definitiva de admitidos: a partir do 1 de xullo
- Matrícula para os admitidos: do 4 ao 15 de xullo.

As persoas interesadas en matricularse deberán presentar a solicitude de preinscrición ben por medios electrónicos ou de xeito presencial con cita previa no Rexistro xeral do Concello de Santiago (Rúa do Presidente Salvador Allende 4, Galeras), ou en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das Administracións Públicas.

Para solicitar a cita no Rexistro Xeral do Concello de Santiago poden chamar ao teléfono 881 505 107 ou facelo a través da páxina web: https://citaprevia.santiagodecompostela.gal/ Se presenta a solicitude a través da sede electrónica do Concello de Santiago (https://sede.santiagodecompostela.gal/ ) escolla o trámite "Inscrición na Escola Municipal de Música" dentro do catálogo de trámites dispoñible.

Outros acordos

A Xunta de Goberno Local acordou a suspensión temporal do inicio das obras de estabilización de noiro e acondicionamento e mellora do vial na rúa do Bidueriro (Vidán) ata o mes de xuño, de conformidade co disposto na resolución de Augas de Galicia pola que se autorizan as anteditas obras. O contrato reiniciarase unha vez que se adopte o acordo de levantamento da suspensión que lle será comunicado ao contratista.

Tamén se deu luz verde á ampliación do prazo de execución da obra de selado do vertedoiro de Aríns ata o vindeiro 18 de marzo, unha actuación "importante", segundo explicou o alcalde, que contaba cun presuposto, nos orzamentos de 2021, superior ao millón de euros. Sánchez Bugallo lembrou que o vertedoiro clausurouse en 2011 "quedando abandonando e xerando posibles verteduras cara a conca do río Aríns", unha circunstancia que se corrixe con esta obra.

Por outra banda, adxudicouse o servizo de "Diagnose, reparacións urxentes e plan de mantemento dos muros de carácter tradicional" á empresa Ingeniería Medio Ambiente y Prevención del Noroeste SLU I(iPRENOR), por importe de 46.664,30 euros, ao ser a súa proposta a máis beneficiosa das presentadas.

A maiores, o goberno municipal acordou solicitar a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o ano 2022, unha subvención polo importe total de 9.500 euros, para a Biblioteca Municipal José Saramago. 3.500 destinaríanse á dotación de novidades editoriais en galego e 6.000 euros á mellora das coleccións bibliográficas en formato físico.

Compartir: