ACCIÓN CULTURAL

Aberto o prazo de inscrición para a primeira visita guiada dentro dun ciclo que permitirá coñecer os fondos do IEGPS

14/02/2022 O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS), en colaboración co Concello de Santiago, ofrece aos veciños e veciñas da cidade a posibilidade de achegarse ás pezas arqueolóxicas, artísticas e etnográficas que alberga a institución a través dunha serie de visitas ao longo do 2022. O ciclo inaugúrase cunha visita que terá lugar o próximo 23 de febreiro co gallo do día de Rosalía de Castro.

Este organismo, centro mixto do CSIC e a Xunta de Galicia, acolle nas súas instalacións unha mostra permanente de fondos arqueolóxicos que inclúen pezas como os ídolos de Argalo, artísticos con esculturas de Francisco Asorey e Xosé Eiroa, ou etnográficos (acibechería, louza, ourivaría...), que poderán ser visitados de forma comentada co gallo das seguintes datas:

- 23 febreiro: Día de Rosalía de Castro
- 17 maio: Día das Letras Galegas
- 10 junio: Día Internacional da Heráldica
- 16 agosto: Día de San Roque
- 12 octubre: Día do Seminario de Estudos Galegos
- 16 novembro: Día Internacional do Patrimonio Mundial
- 30 novembro: Día do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento
- 7 decembro: Día do Padre Sarmiento

Información práctica

As visitas, de 70 minutos de duración, terán lugar en quenda de mañá e organizaranse en grupos de 15 persoas, polo que será necesaria a inscrición previa a través do correo electrónico divulgacion@iegps.csic.es.

Cada unha das visitas contará cun invitado que realizará a introdución temática, e a continuación realizarase a visita guiada, cuxa información estará accesible na web do IEGPS e na canle de Twitter @iegps.

Compartir: