MEDIO AMBIENTE

O Concello anima ás empresas locais a apoiar a campaña #1Voto1Árbore

09/02/2022 O Carballo de Conxo está a competir durante este mes de febreiro no certame Tree of the year para converterse na árbore europea de 2022. No marco desta campaña o Concello de Santiago anima as empresas que forman parte da rede de Talentia Summit a impulsar a candidatura do Carballo do Banquete de Conxo e así promover a sustentabilidade.

Coincidindo da campaña #VotaCarballo, o Concello de Santiago está levando a cabo unha serie de iniciativas co obxectivo de pór en valor e incrementar os espazos naturais cos que xa conta a capital de Galicia. Nesta ocasión o Concello fai un chamamento ás empresas colaboradoras da organización Talentia Summit para contar co seu apoio á candidatura do Carballo de Conxo, coa que se pretende revalorizar o patrimonio natural da cidade e así mellorar a vida da cidadanía, potenciar o atractivo turístico da cidade e favorecer un entorno idóneo para o desenvolvemento do talento das novas xeracións.

Deste xeito, este grupo de empresas implicadas co medio natural e a RSC, contribuirían tamén á campaña #1Voto1Árbore pola que o Concello se compromete a plantar unha nova especie autóctona por cada voto que reciba a candidatura, o que suporía a plantación de 100.000 árbores de aquí a 2030, de chegar a eses votos, máis de 19.000 só no 2022.

Que poden facer as empresas?

A campaña #1Voto1Árbore está no marco das actuacións de valorización do patrimonio natural, con motivo da votación internacional que escollerá a mellor árbore de Europa. Deste xeito, o Concello de Santiago propón ás empresas as seguintes iniciativas:

• Voto conxunto de todos os traballadores polo Carballo do Banquete de Conxo no concurso europeo "Tree of the Year".
• Envío de emails solicitando o voto activamente dos traballadores e/ou clientes e definindo a súa RSC.
• Visilidade da campaña #VotaCarballo nas redes sociais de cada empresa
• Participación activa nas actividades de plantación de carballos que se están a levar a cabo nas inmediacións da Carballeira de Conxo como actividade de grupo (é preciso reserva previa).

Votación aberta ata o 28 de febrero

A votación para apoiar o Carballo de Conxo está aberta ata o último día deste mes. Para votar cómpre facer o seguinte:

1. Accede á web Tree of the Year para ir á páxina do concurso.

2. Para poder votar, debes seleccionar DÚAS ÁRBORES. Que unha sexa o Carballo do Banquete, e outra que che guste (das candidatas que teñan menos votos, claro).

3. Click sobre "¡Vamos a votar!", onde debes introducir o teu email e confirmar polo menos a súa política de protección de datos.

4. Verificar o email, pulsando sobre a ligazón que che envían para que o voto sexa válido.

5. Xa está! Agora, podes repetir o proceso con outro email ;)

O Carballo de Conxo ten unha gran historia

Este histórico carballo naceu coa Ilustración. Foi testemuña en 1856 do Banquete Democrático de Conxo, acto revolucionario que reivindicou os ideais da nova Europa: Liberdade, Igualdade e Fraternidade.

Foi defendido por Rosalía de Castro nunha denuncia ecolóxica pioneira en España. O bosque que o acolle, ao pé do Camiño Portugués de peregrinación, é hoxe todo un cofre botánico, aberto ao público en 2018 cunha gran festa popular tras permanecer inaccesible durante máis dun século.

Documentos relacionados



Compartir: