TURISMO

Santiago confirma a súa consolidación turística no 2021, con récord de turistas nacionais

07/02/2022 Os datos do Instituto Nacional de Estadística confirman a recuperación turística da capital galega, con case un millón de pernoctacións no Ano Santo 2021.

O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, fixeron un balance da situación turística da cidade, cos datos do 2021 e as principais expectativas de cara ao Ano Santo 2022. As cifras tanto de pernoctacións como de peregrinos e de viaxeiros fan que no Concello "sexamos optimistas e que pensemos que este ano será o da consolidación da recuperación do sector turístico da capital galega", salientou o edil.

Neste senso, a xerente de Turismo de Santiago deu conta dos datos de pernoctacións publicados polo Instituto Nacional de Estatítisca que veñen de amosar un récord absoluto no número de pernoctacións de turistas nacionais que chegaron aos 700.000 en 2021, unha cifra non acadada ata agora na capital galega. O crecemento de visitantes estranxeiros está a ser máis lento, pero continuado. Segundo dixo Flavia Ramil, "en outubro achegáronse ás 50.000 pernoctacións, a mellor cifra dende que comezou a pandemia e unha cifra superior ao mes de outubro do Ano Santo de 2010".

Outro dato a ter en conta é o de novembro do 2021, cando se rexistraron case 90.000 pernoctacións, unha cifra superior ao do Ano Santo 2010, o que amosa, explicou Ramil que "as acccións contra a desestacionalización do turismo están a funcionar". O mesmo ocorreu co último mes do ano, cando se superaron as pernoctacións de turistas internacionais do 2010.

Os datos de 2021 son moi positivos noutros parámetros que permiten facer a foto fixa do ano pasado. O aeroporto de Santiago chegou ao 1.700.000 viaxeiros, un dato que coloca á terminal Rosalía de Castro como un dos aeroportos con mellor e maior velocidade de recuperación, concentrando máis do 60 por cento do tráfico aéreo de Galicia. A día de hoxe, o noso aeroporto conta con 27 destinos diferentes, e con novidades importantes de cara á campaña de verán, con enlaces a Edimburgo ou Munich.

En canto ao número de peregrinos, a tendencia tamén foi boa con 180.000 compostelas entregadas, superándose as expectativas marcadas ao inicio do 2021.

De cara ao 2022, segundo explicou o concelleiro de Turismo, hai varios proxectos que permitirán continuar co traballo realizado ata o de agora, para manter e evolucionar no modelo turístico de Santiago. O obxectivo, dixo Sindo Guinarte, é "garantir a rendabilidade económica da actividade ao mesmo tempo que garantimos a sostenibilidade do modelo, apostando pola desestacionalización, a internacionalización da demanda e polo Turismo de Congresos". Para iso, Turismo de Santiago conta con ferramentas moi importantes como o proxecto Bodah, do que Santiago é lider, ou o Plan de Sostenibilidade Turística.

Documentos relacionados



Compartir: