ACCION CULTURAL

Mercedes Rosón aposta, na presentación do libro sobre o castelo da Rocha Forte, por seguir recuperando a memoria "dun elemento fundamental na historia compostelá"

05/02/2022 A Concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón asistiu hoxe á presentación do libro "Rocha Forte. A memoria recuperada dun castelo medieval". Na súa intervención sinalou que esta publicación "é un paso máis na recuperación da memoria do acontecido na Rocha Forte", un "elemento fundamental da historia compostelá".

Pero hai que salientar, continuou, "a importancia desta emblemática fortaleza no futuro, un futuro que aínda está por escribir pero que, dende o Concello de Santiago xa se está a construir". A continuación, Mercedes Rosón lembrou os dous proxectos de EDUSI-FEDER en proceso de execución, para comezar co acondicionamento exterior do castelo; e outro en fase de redacción, para a restauración da contorna dos ríos Sarela-Sar-Vilar, que inclúe unha sensa peonil entre o castelo e o camiño portugués a través dunha nova ponte sobre o Sar.

Mercedes Rosón apostou por seguir recuperando a memoria do castelo da Rocha Forte. "Recordando as palabras ao inicio deste libro: no esforzo común da veciñanza, dos profesionais e das administracións reside a auténtica afouteza que rodea este singular castelo medieval".

A concelleira rematou agradecendo "o importante traballo" das persoas e entidades que participaron na elaboración do libro: a Asociación Cultura A Rocha Forte, o persoal do departamento de arqueloxía do Concello, "o esforzo da súa autoria, Matilde González, xunto a outros colaboradores como a deseñadora Marta Fontán", que foron capaces de plasmar e ilustrar de forma tan notable a memoria recuperada", engadiu.

No acto de presentación tamén interviron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, Lola Cerqueiro, arqueóloga municipal e Carlos Delgado, presidente da Asociación Cultural Rocha Forte.

Compartir: